Os traballadores/as de Transportes RD Lens e Olívica TCA mobilízanse para reclamar o pago dos salarios

A práctica totalidade do persoal das dúas compañías viguesas secundou as catro xornadas de folga

Vigo -

O cadro de persoal das empresas Transportes RD Lens e Olívica TCA, con sede en Vigo, desenvolveu hoxe unha concentración diante das instalacións coincidindo coa última xornada de folga das catro convocadas para reclamar o pago dos salarios pendentes. Os paros, que se iniciaron este luns, tiveron un seguimento practicamente total por parte dos máis de 20 empregados/as, xa que unicamente un optou por ir traballar.

Os traballadores/as destas dúas compañías de transportes, que pertencen ao mesmo grupo empresarial, reclaman o pago das catro mensualidades que lles adebedan (no caso dalgúns empregados/as a débeda é de cinco mensualidades).

Segundo explica o delegado de persoal de RD Lens, da CIG, decidiron mobilizarse contra os incumprimentos da dirección, que continúa sen abonar os salarios pendentes. Deste xeito, ademais das catro xornadas de folga, optaron por convocar unha concentración diante das instalacións das empresas, onde despregaron unha faixa e berraron consignas reclamando o pago dos soldos.

RD Lens e Olívica TCA dedícanse ao transporte de mercadorías e contan cun cadro de persoal de máis de 20 traballadores/as entre as dúas. A dirección négase a pagar os salarios adebedados a pesar de que xa foron reclamados pola vía xudicial e mediante unha denuncia na Inspección de Traballo.

Volver