Os traballadores/as de Servicarne retoman a loita contra a explotación laboral en Frigolouro e Coren

A FGAMT-CIG convoca unha protesta diante da Subdelegación do Goberno español en Ourense este sábado ás 11.30 horas

Vigo -

Os empregados/as de Servicarne -cooperativa de traballo asociado que presta servizo na empresa Frigolouro do Porriño, do grupo ourensán Coren- retoman a loita contra a explotación laboral tras varios meses sen avances nas súas reivindicacións. A FGAMT-CIG, central que apoia as demandas destes/as falsos/as autónomos/as dependentes da firma porriñesa de alimentación, convoca unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense este sábado ás 11.30 horas.

Esta nova mobilización do persoal de Servicarne chega meses despois do intenso calendario de protestas desenvolvido para denunciar a explotación laboral á que son sometidos/as e reclamar unhas condicións de traballo dignas. A campaña reivindicativa incluíu varias xorndas de folga, manifestacións, concetracións e xestións institucionais para reclamar o apoio dos Concellos da zona e a intervención da Xunta no conflito laboral.

Con todo, segundo indican dende a FGAMT-CIG a problemática que denuncian os traballadores/as segue vixente na actualidade, “xa que dende entón apenas se produciron avances na mellora das súas condicións laborais, que son de verdadeira escravitude”.

Deste xeito, o persoal de Servicarne decidiu convocar unha concentración diante da Subdelegación do Goberno español en Ourense este sábado 18 a partir das 11.30 horas. A FGAMT-CIG porá autobuses a disposición de todas aquelas persoas que queiran participar na mobilización. Os vehículos sairán ás 9.30 horas de Vigo (local da CIG) e ás 10.00 horas do Porriño (tamén do local da CIG).

Volver