Os traballadores/as de Grupo Norte mobilízanse no Sergas no segundo día de folga

Denuncian que a empresa está a usar o 20-30% do persoal para atender un número de teléfono non urxente
Nacional - 06 Ago 2018

Os traballadores/as de Grupo Norte, empresa que xestiona a Central de Coordinación do 061, desenvolveron hoxe unha concentración diante do Sergas coincidindo coa segunda xornada do paro indefinido convocado contra o traslado forzoso do seu centro de traballo. Denuncian que a compañía está a usar entre un 20 e un 30% do persoal para atender un teléfono de consultas sanitarias non urxente, polo que están valorando as repercusións legais que poida ter esta decisión.

Na mobilización dos empregados/as de Grupo Norte -que se encargan de atender o centro de chamadas do 061- tamén participou persoal estatutario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza e desenvolveuse coincidindo cos paros convocados na quenda de mañá (de 12:00 a 14:00 horas).

A folga indefinida para reclamar unha compensación xusta polo traslado forzoso do servizo de Santiago á Estrada estase a materializar dende este sábado día 4 mediante paros parciais todos os luns, sábados e festivos de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas; no caso de persoal estatutario, que iniciou a folga o pasado 1 de agosto, o horario escollido é de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 21:00 todos os mércores, domingos e festivos.

Medidas legais

Dende o comité de folga denuncian que Grupo Norte non designou o persoal asignado aos servizos mínimos até hoxe, polo que todos/as os traballadores/as están a acudir ao seu posto “por responsabilidade” xa que non recibiran a comunicación obrigatoria prevista no decreto de servizos mínimos.

Ademais, a empresa está a usar entre o 20 e o 30% do persoal para atender o teléfono de consultas sanitarias non urxente 902 400 116 a pesar de que os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta baséanse en que se trata dun servizo de urxencias, polo que anuncian que tomarán as medidas legais oportunas para que se garanta o dereito á folga ao entender que este teléfono non debera estar incluído nos servizos mínimos.