Os orzamentos do Estado prolongan as políticas de recortes que afogan a clase traballadora galega

Carril chama á folga xeral para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade e a perda de dereitos laborais e sociais
Nacional - 23 Mai 2018

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que os orzamentos do Estado o único que fan é prolongar as políticas de recortes que provocaron a precarización e cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega. “Non se axustan ás necesidades reais da maioría social galega nin da clase traballadora, que padece unha situación dramática”, afirma. Por iso reitera a necesidade de mobilizarse e ir a unha folga xeral “para impedir que se cronifique o desemprego, a precariedade, a sobreexplotación e a perda de dereitos”.

Carril asegura que estes orzamentos están concibidos unicamente “para perpetuar o modelo neoliberal que ten na reforma laboral, na reforma das pensións, nas privatizacións e recortes na sanidade e no ensino, coa imposición da LOMCE, a súa razón de ser”.

Menos para Galiza

Denuncia ademais que se anunciou que a partida orzamentada para Galiza contemplaba unha mellora “aparente” de 12 millóns pero, asegura, “é a que menos sobe de todas as comunidades autónomas. No resto hai un incremento dos orzamentos territorializados maior que no caso de Galiza”.

Aclara ademais que ese incremento tampouco é real porque o total do investimento para este ano é do 9% fronte o 10% que houbo en 2017, “moi inferior ao que nos corresponde polo peso que temos no Estado español, que nós ciframos en nunca menos do 12,5%”.

Suba das pensións

Respecto das pensións, o secretario xeral da CIG asegura que o problema non se soluciona con “incrementalas uns euros, nin con que ese incremento se articule vía Orzamentos do Estado. O que é imprescindíbel é a derrogación das reformas de 2011 e 2013 e das políticas económicas e laborais que xeran pobreza e explotación laboral”.

Reformas que complican cada vez máis o acceso a pensións contributivas, diminúen as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. Nese sentido lembra que máis da metade das pensións galegas son inferiores ao salario mínimo, o que as converte nas máis baixas do Estado español.

Por iso reitera a necesidade de loitar para conseguir que o factor de sustentabilidade, do que veñen de suspender a súa entrada en vigor, non se efectivice, porque do contrario “poderá reducir até nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras da esperanza de vida, provocando que canto maiores sexamos, pensións máis pobres teñamos”.

Menor gasto social

Paulo Carril denuncia tamén que “hai un menor gasto social nun momento no que aumenta o colectivo de persoas desempregadas sen prestación”. Lembra que “o PP introduciu unha emenda nos orzamentos coa que pretende darlle realidade a esa cruel nova reforma das prestacións contra a que nos mobilizamos o 16 de maio” e que para iso destina unha partida coa que pon en marcha a que en diante se chamará “Renda Complementaria Asistencial”. Un novo recorte ao sistema de protección por desemprego do Goberno de Mariano Raxoi que unifica as prestacións asistenciais –que son competencia autonómica- integrándoas na Seguridade Social co obxectivo de reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio.

Acordo de estabilidade para recuperar o poder adquisitivo en 28 anos

Subliña ademais que nestes orzamentos xa se contempla o chamado “acordo de estabilidade”, asinado por CCOO, UGT e CSIF co PP que “desvincula os salarios do persoal das administracións públicas do IPC”. Un acordo que, lembra, “só permitirá recuperar, até 2020, un 0,48% anual do poder adquisitivo perdido, o que provocará que o persoal das administracións públicas tarde 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos 8 anos”.

Así as cousas, o secretario xeral da CIG asegura que estes orzamentos impiden a recuperación dos salarios, consolidan os recortes e están, polo tanto, concibidos “para consolidar esta situación, non para crear emprego, nin para rematar coas desigualdades sociais, senón máis ben ao contrario. O que fan é prolongar a lóxica dos recortes, na medida en que os mantén e os agrava”.

Por iso conclúe que “hai máis razóns que nunca para mobilizarse e ir a unha folga xeral”, diante duns orzamentos que cualifica de “antiobreiros, antisociais e antigalegos”.