Os galegos e galegas pagaremos os impostos das eléctricas na nosa factura

A CIG exixe da Xunta de Galiza que recupere a proposta dunha tarifa eléctrica galega
- 30 Xan 2018

O BOE publica este martes unha orde ministerial pola que se demanda ás comunidades autónomas que cuantifiquen o montante total dos suplementos territoriais recadados en 2013 que afectan á actividade eléctrica, para devolver esas cantidades ás empresas do sector que os pagaron. Segundo o texto da Orde, Galiza xa remitiu ao Estado esa información. A CIG considera que isto “é un disparate”, demanda da Xunta de Galiza que reconsidere a tarifa eléctrica galega e exixe que diga o que vai facer para que as galegas e galegos no paguemos máis polo recibo eléctrico cando producimos, somos excedentarios e asumimos ademais, as consecuencias sociais e medio ambientais.

A Orde é de aplicación aos “suxeitos que desenvolveran actividades de transporte de enerxía eléctrica, distribución de enerxía eléctrica, produción a partir de fontes de enerxía renovábeis, coxeneración e residuos, con réxime primado, e produción nos sistemas eléctricos nos territorios non peninsulares con réxime retributivo adicional durante o exercicio 2013”.

Unha vez fixados os valores deses suplementos territoriais fixarase o procedemento de liquidación para os suxeitos que correspondan, así como o procedemento de refacturación a consumidores afectados.

No caso de Galiza, os impostos territoriais que se recuperarán son catro: canon de saneamento; imposto sobre contaminación atmosférica; imposto sobre dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada e canon eólico.

Segundo explica Fernando Branco,  responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, a orixe é unha norma aprobada polo PP en 2012, cando tiña maioría absoluta, pola que se di que o que pagaron as empresas eléctricas téñeno que recuperar e que, para iso, se gravará cun suplemento aos galegos e galegas por valor desa cantidade.

Deste xeito, “eses impostos que serán recuperados, nós pagámosllos ao sistema eléctrico, este trasládao a Comisión Nacional de Mercado de Competencia e esta a súa vez reembólsallo  ás empresas que pagaron os impostos”.

Tarifas diferenciadas por territorios

Branco asegura que todo isto é “un disparate”. Lembra que cando se debateu a ILP da CIG por unha tarifa eléctrica galega, un dos argumentos fortes do PP, foi que non podía haber tarifas eléctricas diferenciadas por territorios. “Isto cae con esta Orde, porque cada comunidade ten os seus propios impostos e non é igual o que recadan”. 

Denuncia ademais que cando o PP utilizou ese argumento, xa sabía que isto sería así e “mesmo xa tiña informado ao Estado deses suplementos territoriais dos que descoñcemos a súa contía pero que poden ascender a varias ducias de millóns de euros”. Lembra ademais que tanto o voceira do PP nese momento, como o Director Xeral de Industria “dixeron en sede parlamentaria que os galegos non ían pagar impostos porque entendían que eran impostos medioambientais que non afectaban á regulación de suplementos territoriais, o cal é mentira tamén”.

Denuncia ademais que por esta vía “os galegos e galegas que producimos, exportamos e somos solidarios no recibo eléctrico con outras comunidades,  no relativo ao tema extrapeninsular e ao transporte, agora imos ter que pagar máis, do ano 2013, por esa condición de termos impostos propios á actividade eléctrica”.

Por iso demanda da Xunta de Galiza que retome as propostas que se recollían na ILP por unha tarifa eléctrica galega promovida pola CIG, e que diga como vai defender os galegos e galegas para que non paguemos máis polo recibo eléctrico, máis cando “producimos, somos excedentarios e asumimos as consecuencias sociais e medioambientais”.