Os Estados Unidos continúan co seu intento de derrocar a Revolución Bolivariana de Venezuela
A conexión cubano-americana é chave e mostra como a rede política que está enfocada no derrocamento por calquera medio da Revolución Cubana, agora ve unha intervención militar estadounidense en Venezuela como unha forma de avanzar cara a un cambio de réxime en Cuba. Por tanto, esta non é só unha intervención contra Venezuela, senón contra todos aqueles gobernos que os Estados Unidos desexarían derrocar
En febreiro de 2006, o presidente venezolano Hugo Chávez viaxou á Habana para recibir o Premio José Martí da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) de mans de Fidel Castro. No seu discurso, comparou as ameazas de Washington contra Venezuela co ouveo dos cans, dicindo: “Se ladran os cans, é porque cabalgamos”. Chávez engadiu: “Que ladren os cans do imperio. Ese é o seu papel: ladrar. O noso papel é batallar para consolidar este século, agora si, a verdadeira liberación dos nosos pobos”. Case dúas décadas despois, os cans do imperio continúan ladrando. Pero morderán?
O son dos ladridos
En febreiro de 2025, o Departamento de Estado estadounidense denominou a rede criminal chamada Tren de Aragua como unha “organización terrorista estranxeira”. Logo, en xullo, o Departamento do Tesouro de Estados Unidos engadiu o suposto Cártel dos Soles á lista de sancións da Oficina de Control de Activos Estranxeiros como un “grupo terrorista transnacional”. Ningún informe previo do goberno estadounidense, nin da Administración para o Control de Drogas (DEA pola súa sigla en inglés) nin do Departamento de Estado, identificara a estas organizacións como unha ameaza. Non se presentou publicamente ningunha evidencia verificábel para fundamentar a escala ou coordinación atribuída a ningún dos dous grupos. Non existe evidencia de que o Tren de Aragua sexa unha organización cunha operación internacional coherente. En canto ao Cártel dos Soles, a primeira vez que apareceu o nome foi en 1993, en informes venezolanos sobre a investigación de dous xenerais da Garda Nacional, por unha referencia á insignia do “sol” nos seus uniformes, anos antes da vitoria presidencial de Hugo Chávez en 1998. O goberno de Donald Trump sostivo que estes grupos traballan co goberno do presidente venezolano Nicolás Maduro e son os principais traficantes de drogas cara aos Estados Unidos, sen proporcionar proba ningunha da conexión. É máis, os informes da Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC pola súa sigla en inglés) e da propia DEA determinaron consistentemente que os grupos venezolanos son marxinais no tráfico mundial de drogas. Aínda así, o Departamento de Estado dos Estados Unidos ofreceu unha recompensa de 50 millóns de dólares, a máis grande na historia do programa, por información que conduza á detención de Maduro.
Os Estados Unidos reactivaron o basto instrumento da “Guerra contra as Drogas” para presionar sobre países que non ceden ante as súas ameazas ou que teimosamente se negan a elixir gobernos de dereita. Hai pouco, Trump atacou a México e a Colombia sinalando as súas dificultades co narcotráfico para acosar os seus presidentes. Aínda que Venezuela non ten un problema significativo de drogas doméstico, iso non impediu que Trump ataque o goberno de Maduro con moito máis veleno. En outubro de 2025, a política venezolana María Corina Machado do movemento “Vente Venezuela” gañou o Premio Nobel da Paz. Machado foi inhabilitada para presentarse ás eleccións presidenciais de 2024 debido, en gran parte, a que realizara unha serie de declaracións traizoeiras, aceptara un cargo diplomático doutro país co fin de solicitar a intervención en Venezuela (violando o artigo 149 da Constitución) e apoiara as ‘guarimbas’ (accións violentas nas rúas nas que se golpeou, queimou vivas e decapitou persoas). Ademais, defendeu as sancións unilaterais estadounidenses que devastaron a economía. O Premio Nobel asegurouse a través do traballo da Fundación Inspire America (con sede en Miami, Florida e dirixida polo avogado cubanoamericano Marcell Felipe). Tamén pola intervención de catro políticos estadounidenses, tres deles cubanoamericanos: Marco Rubio, María Elvira Salazar e Mario Díaz-Balart. A conexión cubano-americana é chave e mostra como esta rede política que está enfocada no derrocamento por calquera medio da Revolución Cubana, agora ve unha intervención militar estadounidense en Venezuela como unha forma de avanzar cara a un cambio de réxime en Cuba. Por tanto, esta non é só unha intervención contra Venezuela, senón contra todos aqueles gobernos que os Estados Unidos desexarían derrocar.
A mordida
En agosto de 2025, o exército estadounidense comezou a concentrar forzas navais no sur do Caribe, incluídos destrutores clase Aegis e submarinos de ataque de propulsión nuclear. En setembro comezou unha campaña de ataques extraxudiciais contra pequenas lanchas en augas do Caribe, bombardeando polo menos 13 embarcacións e asasinando arredor de 57 persoas, sen presentar ningunha proba de vínculos co narcotráfico. A mediados de outubro, os Estados Unidos despregaron máis de 4.000 soldados fronte á costa de Venezuela e 5.000 en espera en Porto Rico (incluídos avións de combate F-35 e drons MQ-9 Reaper). Autorizaron operacións encubertas dentro do país e realizaron “misións de demostración” con bombardeiros B-52 sobre Caracas. A finais de outubro, o grupo de ataque do portaavións USS Gerald R. Ford foi despregado na rexión. Entrementres, o goberno de Venezuela mobilizou a poboación para defender o país.
Cinco escenarios para a intervención estadounidense
Escenario n° 1: a opción Irmán Sam. En 1964, os Estados Unidos despregaron varios buques de guerra fronte ás costas de Brasil. A súa presenza encoraxou xeneral Humberto de Alencar Castelo Branco, xefe de Estado Maior do Exército, e os seus aliados a organizaren un golpe de estado que instaurou unha ditadura de 21 anos. Pero Venezuela é un terreo diferente. No seu primeiro mandato, Chávez fortaleceu a formación política nas academias militares e ancorou o adestramento de oficiais na defensa da Constitución de 1999. Por tanto, é improbábel que unha figura como Castelo Branco salve o día para Washington.
Escenario n° 2: a opción Panamá. En 1989, os Estados Unidos bombardearon Cidade de Panamá e enviaron tropas de operacións especiais para capturar a Manuel Noriega, o líder militar de Panamá, e levalo a unha prisión estadounidense mentres políticos apoiados polos Estados Unidos tomaban o control do país. Unha operación así sería máis difícil de replicar en Venezuela: o seu exército é moito máis forte, adestrado para conflitos asimétricos prolongados e o país conta con sofisticados sistemas de defensa aérea (destacan os sistemas rusos antiaéreos S-300VM e Buk-M2E). Calquera campaña aérea estadounidense enfrontaría unha defensa sostida, facendo que a perspectiva de avións derrubados, unha gran perda de prestixio, sexa un risco que Washington quizais non queira correr.
Escenario n° 3: a opción Iraq. Unha campaña de bombardeo de “conmoción e pavor” contra Caracas e outras cidades para desestabilizar a poboación e desmoralizar o Estado e o exército, seguida de intentos de asasinar o alto liderado venezolano e tomar infraestruturas chave. Despois de tal asalto, a gañadora do Premio Nobel da Paz, Machado, probabelmente se declararía lista para tomar o mando e aliñar a Venezuela estreitamente cos Estados Unidos. A insuficiencia desta manobra é que o liderado bolivariano ten raíces profundas: as raíces da defensa do proxecto bolivariano atravesan os barrios de clase traballadora e o exército non se desmoralizaría inmediatamente, a diferenza do que ocorreu en Iraq. Como sinalou recentemente o ministro do Interior de Venezuela, Diosdado Cabello: “Calquera que queira pode lembrar Vietnam… cando un pobo pequeno pero unido, cunha vontade de ferro, foi capaz de darlle unha lección ao imperialismo estadounidense”.
Escenario n° 4: a opción Golfo de Tonkín. En 1964, os Estados Unidos intensificaron a súa intervención militar na Guerra de Vietnam despois dun incidente que foi presentado como un ataque non provocado a destrutores estadounidenses fronte ás costas do país. Revelacións posteriores demostraron que a Axencia de Seguridade Nacional (NSA pola súa sigla en inglés) inventou información de intelixencia para crear un pretexto que xustificase a escalada. Os Estados Unidos afirman que agora están a realizar “exercicios de adestramento” navais e aéreos preto das augas territoriais e o espazo aéreo venezolanos. O 26 de outubro, o goberno venezolano dixo que recibira información sobre un plan encuberto da CIA para escenificar un ataque de bandeira falsa contra embarcacións estadounidenses preto de Trindade e Tobago para provocar unha resposta dos Estados Unidos. As autoridades venezolanas advertiron sobre as manobras estadounidenses e dixeron que non cederán ante provocacións nin intimidación.
Escenario n° 5: a opción Qasem Soleimani. En xaneiro de 2020, un ataque con drones estadounidense ordenado por Trump matou o xeneral de división Qasem Soleimani, xefe da Forza Quds de Irán. Soleimani era un dos funcionarios máis importantes de Irán, responsable da súa estratexia de defensa rexional en Iraq, Líbano, Gaza e Afganistán. Nunha entrevista en 60 Minutes, o exencargado de negocios de Estados Unidos para Venezuela, James Story, dixo: “Os activos están aí para facer todo até, e incluíndo, [a] decapitación do goberno”, unha declaración clara da intención de asasinar o presidente. Despois da morte do presidente Hugo Chávez en 2013, funcionarios estadounidenses predixeron que o proxecto colapsaría. Pasaron 12 anos e Venezuela continúa polo camiño trazado baixo Chávez, avanzando o seu modelo comunal cuxa resiliencia descansa non só no liderado colectivo da revolución, senón tamén na forte organización popular. O proxecto bolivariano nunca foi un espectáculo dunha soa persoa.
É pouco probábel que China e Rusia permitan un ataque contra Venezuela sen presionar por resolucións inmediatas do Consello de Seguridade da ONU. Ambos operan rutineiramente no Caribe, incluídos exercicios conxuntos con Cuba e misións globais como a Misión Harmonía 2025 de China.
Esperamos que ningún destes escenarios se faga realidade e que os Estados Unidos retiren as súas opcións militares da mesa. Mais a esperanza soa non é suficiente, debemos traballar para expandir o campo da paz.
[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 6 de novembro de 2025]