Os datos do paro de xullo confirman o aumento da contratación temporal

Consolídase a desprotección social: máis do 50% dos desempregados/as non percibe ningunha prestación
Nacional - 02 Ago 2018

Os datos do paro do pasado mes de xullo feitos públicos hoxe confirman a consolidación da temporalidade, da precariedade e da desprotección social instalada no mercado laboral galego e o descenso da contratación indefinida, xa que o 93,21% dos 118.568 contratos asinados neste período foron de carácter temporal. Paralelamente, a desprotección social das persoas desempregadas continúa en niveis insoportábeis: máis da metade non ingresa ningún tipo de prestación.

O mes de xullo rematou con 163.412 persoas desempregadas no noso país, 6653 menos con respecto a xuño, polo que paro descendeu un 3,9% neste período. Esta leve baixada do paro contrasta cos 118.568 contratos asinados (14.898 máis que en xuño, o que supón un incremento do 14,4%). Destes, un total de 110.516 foron de carácter temporal (93,21%). 

A reducida contratación indefinida que se rexistra mes a mes descendeu aínda un 2,8%, situándose no 6,8% do total

Deste xeito, á escasa duración dos contratos hai que sumarlle a elevada rotación dos mesmos, algo que vén sendo tónica habitual.

Ao mesmo tempo, a reducida contratación indefinida que se rexistra mes a mes decreceu aínda un 2,8% (231 contratos menos que en xuño) polo que a porcentaxe de contratos rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida descende até o 6,8% (no mes anterior fora do 8,5%).

O descenso do paro en termos absolutos prodúcese maioritariamente no sector servizos, o que explica esta elevada temporalidade, parcialidade e rotación dos contratos.

De xeito paralelo, continúa a desprotección social das persoas desempregadas, xa que máis da metade non percibe ningún tipo de prestación. Dos 163.412 parados/as rexistrados/as, só 80.125 obtén algún tipo de prestación por desemprego (49,0%).

Consolídase o modelo PP

Para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan claramente que “o modelo PP segue a asentarse, cun mercado laboral caracterizado pola temporalidade, o descenso da contratacion indefinida e a escasa cobertura das persoas desempregadas”.

Considera que mentres se sigan a aplicar as mesmas políticas obteranse os mesmos resultados: máis precariedade, máis temporalidade e máis parcialidade no emprego e sostén que “non temos nada do que parabenizarnos, pois de pouco vale que aumenten as as porcentaxes de ocupación se todo o emprego que se crea é precario”.

Finalmente, fai fincapé en que para a CIG é o momento de actuar sobre a calidade do emprego para garantir que ter un traballo signifique poder vivir en condicións dignas, xa que na actualidade a maior parte dos contratos que se rexistran son de escasa duración e con salarios miserábeis. Tanto é así que a día de hoxe en Galiza un 30% de persoas asalariadas perciben ao ano uns ingresos inferiores ao SMI.