O remate do período estival volve poñer de manifesto a precariedade e a inestabilidade nas que está instalado o mercado laboral galego. Así o considera a CIG á vista dos datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social correspondentes ao mes de setembro, nos que o número de persoas desempregadas aumentou en 2.746, un 2,5 %, até as 112.437, mentres a afiliación á Seguridade Social descendeu en 6.516 persoas, un 0,6 %, até as 1.127.967.
O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, salienta a diferente evolución respecto do conxunto do Estado, onde a afiliación á Seguridade Social se incrementou levemente, nun 0,4 %, mentres en Galiza descendeu un 0,6 %. Unha evolución que atribúe á menor influencia do proceso de regularización das persoas migrantes, mais tamén á precariedade e inestabilidade no emprego, que fai que “por mor da forte estacionalidade no emprego, dependendo do mes no que esteamos, hai sectores onde medra e outros nos que cae o número de persoas afiliadas á Seguridade Social.
Neste sentido, subliña que co remate do período estival hai 3.000 persoas menos no comercio e 5.800 menos en hostalaría. “Son case 9.000 persoas afiliadas menos en sectores que teñen unha dependencia total e absoluta da chegada de turistas”, afirma, “mentres na educación, coa entrada do ano lectivo, hai 4.000 persoas afiliadas máis”.
González Sío entende que estes datos reflicten e confirman tanto a inestabilidade como a precariedade no emprego que a CIG vén denunciando, porque “as persoas teñen ou non emprego dependendo da demanda que hai en cada época do ano”.
Sectores precarios
Tamén o paro aumentou menos no Estado, un 1 %, fronte ao 2,5 % galego. A maior caída dáse no réxime xeral, aínda que no sector agrario e, sobre todo, no sector de empregadas do fogar mantéñense, de forma leve, os datos positivos. “Dáse a circunstancia de que son sectores precarios con forte presenza de persoas migrantes, nos que a maioría das persoas seguen estando no traballo non formal, non regularizado, que chega a un 30% no caso das empregadas do fogar”, matiza o secretario confederal de Emprego.
Nese sentido, González Sío son 22.000 empregadas do fogar das 32.000 persoas que a CIG estima que debe haber en Galiza e que “están nunha situación moi precaria, xa que nin sequera teñen dereito á negociación colectiva, aínda que o convenio 189 da OIT, ratificado polo estado español no ano 2022 si que lles recoñece ese dereito”.
Respecto do sector agrario, denuncia tamén o abuso que hai coas persoas migrantes. Como exemplo apunta á propia familia do conselleiro de Emprego, que tivo a persoas non regularizadas traballando na adega familiar, segundo a inspección de traballo. Unha cuestión que, considera “moi preocupante que o máximo responsable en materia laboral do executivo galego sega mantendo as súas responsabilidades” e que denuncia que está situación “moi estendida no sector primario, especialmente en sectores como o do viño”.
Contrato fixo descontinuo
Atendendo ao tipo de contratos asinados, o secretario confederal de Emprego apunta como as modalidades temporais, tanto a tempo completo como parcial, suman 11.400 persoas afiliadas menos á Seguridade Social. Unha caída que relaciona tamén cos sectores de comercio e hostalaría que “son actividades que abusan moito deste tipo de contratación e que, cando non teñen demanda pola caída do turismo, sofren unha destrución de emprego salvaxe”.
En contraposición a isto sinala o aumento en 4.400 persoas nos contratos fixos-descontinuos, que entende que teñen que ver “con ese medre no sector da educación, xa que esas persoas teñen contratos durante o período que dura o ano lectivo e despois, como fixos-descontinuos que son, van ao paro nos períodos de verán. Algo que levamos denunciando desde a entrada en vigor da reforma laboral do ano 2021”.
A este respecto, o secretario confederal de Emprego lembra a extrema precariedade derivada deste modelo de contratación. “Estamos falando de persoas con contratos a tempo parcial ou fixos-descontinuos que non teñen garantido durante todo o ano o seu salario”, polo que denuncia a imposibilidade de “vivir sen un salario certo e sen un salario completo”.
González Sío alerta ademais de que os datos reflicten que o incremento do desemprego no sector servizos atinxe, sobre todo, ás persoas máis novas, que son as que padecen a contratación temporal e fixa descontinua e, en consecuencia “as que máis sofren a precariedade na que está instalado o mercado laboral galego”.
No mes de setembro rexistráronse 53.000 contratos temporais. Unha situación que para o secretario confederal de Emprego da CIG é especialmente “preocupante”, porque evidencia “como as empresas, os empresarios, a patronal, perderon o medo a ese abuso da contratación temporal outra vez e como outra vez vemos como as persoas entran e saen dependendo da demanda do traballo no mercado laboral. Situacións de precariedade e inestabilidade como a que había antes da reforma do ano 2021, porque malia terse producido un aumento da contratación indefinida, vemos como o abuso na contratación temporal non deixou de existir”.
Por iso, a CIG reclama unha nova lexislación laboral que restitúa dereitos perdidos, principalmente a consecuencia da reforma do 2012. “Dereitos que teñen que ver coa facilidade nos despedimentos e contía das indemnizacións ou a perda das garantías na negociación colectiva que tiñamos antes do ano 2012”, asegura e conclúe afirmando que “a actual lexislación non vale, como se demostra mes a mes, para acabar coas situacións de precariedade e inestabilidade que sofre a clase traballadora galega”.