Os centros do Opus Dei seguen segregando por xénero como antes da LOMLOE

Nacional - 23 Xan 2024

Segundo datos facilitados pola Consellaría á CIG-Ensino, a través do portal da transparencia, só os dous centros “femininos”do Opus Dei incluíron alumnado de ambos os dous xéneros en Infantil, mais en Primaria e na ESO nos catro centros con unidade concertadas segue existindo só matrícula dun xénero.

Para a CIG-Ensino resultan cando menos sorprendentes os datos facilitados polos centros á administración dado que non hai ningunha matrícula mixta -malia haber prazas dentro das ratios máximas- nin en primeiro de Primaria nin en primeiro de Secundaria. Por iso, a central insta de novo tanto á inspección educativa da Xunta de Galiza como do Estado a que vixíen o cumprimento da lexislación vixente. 

Datos obtidos pola CIG-Ensino no portal da transparencia sobre as unidades concertadas dos catro centros propiedade do Opus Dei, situados nas cidades da Coruña e Vigo, neste curso escolar en Galiza:

Montespiño:

  • 6 EI (novas este curso)
  • 6 EP
  • 4 ESO

Peñarredonda:

  • 6 EP
  • 4 ESO

Las Acacias:

  • 6 EI (novas este curso)
  • 6 EP
  • 4 ESO

Montecastelo:

  • 6 EP
  • 4 ESO

Polo tanto, entre os catro centros gañaron este ano 12 novas unidades concertadas en infantil nas que, segundo os datos proporcionados polos propios centros, hai matrícula mixta en todos niveis desta etapa. Porén, é sorprendente que estas novas unidades se centren só nos dous colexios tradicionalmente femininos.

Para o sindicato é moi relevante que a inspección educativa da Consellaría, dado que a administración asume esta información como oficial, revise se estes datos son correctos e por que segue sen haber ningunha matrícula mixta nos niveis de Primaria e a ESO en ningún dos catro centros. Neste sentido, é chave coñecer se a matrícula estivo aberta tanto para nenos como para nenas porque, malia existiren prazas libres sobre todo no primeiro curso destas etapas, estas seguen sendo integramente femininas ou masculinas en cada centro.

Como exemplo os seguintes datos:

 

1º PRIMARIA

NENAS

1º PRIMARIA NENOS

1º SECUNDARIA

NENAS

1º SECUNDARIA NENOS

Colexio Montespiño

21

0

29

0

Colexio Peñarredonda

0

20

0

24

Colexio

Las Acacias

24

0

28

0

Colexio Montecastelo

0

25

0

24

*Nota: as ratios nestes niveis son de 25 alumnado por aula en Primaria e 30 na ESO

A CIG-Ensino conclúe que malia a maquillaxe, cando menos de cifras na etapa de infantil nos dous colexios femininos, estes centros seguen incumprindo a normativa vixente para manter os concertos polo que insta a Consellaría a investigar se hai ou non, como parece indicar, indicios de fraude no proceso de escolarización de alumnado de ambos os dous xéneros.

Do contrario, só cabería concluír que existe unha clara conivencia entre a Consellaría de Educación e os centros vinculados ao Opus Dei para permitir que, malia segregaren o seu alumnado en contra do que se indica na LOMLOE, se manteña unha práctica ilegal e contraria ao principio da coeducación e da igualdade entre homes e mulleres.