Bombeiros/as reclaman a revisión do contrato coa empresa que xestiona o Consorcio de Pontevedra

Persoal de Matinsa estivo no pleno da Deputación no que se debateu unha moción pedindo unha auditoría
Pontevedra - 29 Dec 2017

O persoal de Matinsa, empresa que xestiona o Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra -que integra os parques comarcais do Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía-, percorreu hoxe as rúas da cidade en manifestación xunto a compañeiros/as das catro provincias galegas para denunciar os incumprimentos da compañía. A mobilización foi convocada polo comité coincidindo co debate no pleno da Deputación dunha moción para reclamar a revisión do contrato.

A mobilización, convocada polo comité de empresa de Matinsa (presidido pola CIG), arrincou do Pazo da Cultura ás 10:30 horas e nela participaron bombeiros/as dos parques comarcais das catro provincias galegas e dos parques municipais de Pontevedra e Vigo, ademais de persoal de distintos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

A marcha rematou unha hora despois diante da sede da Deputación Provincial, onde ás 12:00 horas comezou o pleno no que se debateu unha moción na que os bombeiros/as reclaman unha auditoría para revisar o contrato coa compañía, á que acusan de numerosos incumprimentos.

A moción foi rexeitada

En concreto, denuncian o desmantelamento das unidades específicas de mergullo, rescate en altura, defensa nuclear, radiolóxica, bacteriolóxica e química (NRBQ) e adestramento de cans; a ausencia do material e dos equipos de protección individual (EPI) necesarios; a falta de mantemento dos camións, o que fai que algúns deles leven tempo avariados; o incumprimento da formación anual; e a eliminación das bolsas de traballo para a cobertura de baixas.

A proposta foi rexeitada polo pleno da Deputación cos votos de PSOE e BNG, baixo o argumento de que a empresa cumpre o contrato. Pola súa banda, Coalición electoral SON -que presentou a moción- e o PP votaron a favor. Aínda que os bombeiros/as presentes no salón non chegaron a presenciar a votación, xa que abandonaron as dependencias entre protestas durante a intervención do representante do PSOE.