Os axentes forestais barallan convocar folga nos meses de alto risco de incendios ante os incumprimentos da Xunta

A medida podería deixar o operativo sen directores/as de extinción

Nacional -

A actitude da Xunta de Galiza vai camiño de provocar que na vindeira campaña de alto risco de incendios forestais non se poida contar con directores/as de extinción, xa que os axentes forestais barallan convocar folga indefinida ante os incumprimentos do Goberno galego.

Dende as organizacións sindicais CIG e UGT lembran que os axentes forestais e os axentes facultativos medioambientais que dependen funcionalmente das Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio seguen coas negociacións paralizadas dende o mes de decembro de 2017 e explican que os representantes legais destes/as traballadores/as asinaron coa Administración o Acordo sobre condicións de traballo da escala de Axentes Forestais o 24 de xuño do 2004 sobre o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas da escala de axentes forestais de Galiza e que foi publicado no DOG o 31 de marzo de 2005, polo que leva caducado dende hai anos. 

As conversas para renovar acordos comezaron tras a vaga de lumes de 2017, mais foron suspendidas unilateralmente por orde da dirección xeral de Función Pública

Este acordo está caduco e obsoleto, como quedou patente na campaña pasada onde foi necesario aumentar os meses de alto rico no mes de outubro, polo que as centrais, vendo esta problemática, solicitámoslle en varias ocasións á Xunta que renovase o acordo; as negociacións iniciáronse tras a vaga de lumes de 2017, mais quedaron suspendidas de xeito unilateral por orde da dirección xeral de Función Pública en decembro dese ano”.

Denuncian que o Executivo galego está a incumprir os acordos cos axentes forestais e medioambientais, “que actualmente se atopan nunha situación precaria”. Con respecto aos axentes medioambientais, incumpren a redacción dun novo regulamento de funcións da escala, acordo asinado o 15 de setembro de 2016 mediante o que as Consellerías de Facenda, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Medio Rural se comprometían a redactar un novo regulamento en 2016.

O segundo acordo centrábase na formación da nova escala de axentes, en virtude do que a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria asinaba con Medio Ambiente e Medio Rural un convenio onde se comprometía a iniciar a formación no curso académico 2017-2018. “Pero este acordo tamén foi incumprido”.

Tamén carecen dunha orde de horarios e de traballo que regule unhas condicións dignas para o persoal que ten a cargo a dirección de extinción nos incendios forestais, e que actualmente está a cobrar uns 14 euros por unha garda de 12 horas e co nivel profesional máis baixo posible no grupo. “Comezamos unha negociación a principios de novembro de 2017 co compromiso de rematala no mesmo ano e que fose efectiva dende xaneiro de 2018; sen embargo esta negociación leva paralizada dende decembro”, critican.

Falta de compromiso da Xunta

Consideran que por todo isto quedou patente a falta de palabra e compromiso da Xunta, “xa que os seus responsábeis minten descaradamente e asinan acordos que logo incumpren catro das súas Consellarías”, polo que sosteñen que o único que reciben por parte do Goberno galego “son excusas e mentiras”.

Ante esta situación, os representantes dos traballadores/as iniciarán unha rolda de asembleas polos centros de traballo para informar e valorar se deciden ir á folga indefinida na vindeira campaña de incendios, “posto que vemos como se acerca unha nova campaña de alto risco e seguimos sen obter resposta á petición de reunión para a negociación dunhas condicións de traballo dignas cun novo acordo onde se regule o réxime de prestación de servizos e horarios deste persoal que se adapte ás novas condicións climatolóxicas actuais e que sexa operativo para atallar os lumes de nova xeración”.

Inciden en que estes profesionais veríanse obrigados/as a tomar esta decisión para garantir a seguridade e saúde dos traballadores/as, posto que no caso de sufrir un accidente non quedaría cuberto dado que non están regulados por ningunha orde de horarios vixente. Finalmente, indican que de vérense abocados/as á folga a Xunta quedará sen directores/as de extinción, “posto que os axentes forestais e medioambientais son os directores/as de extinción do 99 % dos lumes que tristemente se producen no rico patrimonio galego”.

Volver