Os axentes ambientais galegos claman en Vigo pola súa dignificación laboral e contra a política forestal da Xunta

Máis de 1500 persoas participaron na manifestación convocada polo comité de folga

Vigo -

Máis de 1500 persoas percorreron este mércores as principais rúas de Vigo na manifestación convocada polo comité de folga dos axentes ambientais e forestais (CIG e UGT) para reclamar a dignificación laboral deste colectivo mediante un acordo que regule as súas condicións de traballo e denunciar que “a Xunta de Galiza, sen unha política forestal clara, dálle as costas ao noso monte e ao patrimonio natural galego”.

A marcha, que arrincou da Praza dos Cabalos pasadas as 19:00 horas e rematou na rúa As Avenidas case hora e media despois, contou co apoio de numerosos e colectivos ecoloxistas, sociais, políticos e profesionais, entre eles a Organización Galega de Comunidades de Montes, Adega ou Fruga, que xunto á CIG conforman a Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, así como o Sindicato Labrego Galego. Tamén se sumaron ás reivindicacións dos axentes os comités de empresa de Seaga das catro provincias galegas (presididos pola CIG), a Plataforma Galega de Bombeiros Forestais ou a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galiza.

Ao remate da mobilización, na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a actriz ourensá Nate Borrajo encargouse da lectura dun manifesto no que se critica que os distintos Gobernos do PP na Xunta “nunca puxeron en práctica o Plan Forestal, aprobado por consenso en 1992, nin é capaz agora de aprobar un novo plan que implique a posta en marcha dunha política forestal certeira e axeitada para Galiza”. De igual xeito acontece -segundo denuncian- coa política ambiental referente á xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, así como co coidado dos espazos naturais protexidos e a súa biodiversidade.

Ao mesmo tempo, consideran que o acontecido o pasado 15 de outubro como consecuencia da vaga de lumes que asolou parte do país “ten que marcar un punto de inflexión e facer recapacitar á Xunta, xa que a combinación dun alarmante abandono do rural, a escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario no que xa non soamente son os bens de carácter forestal e ambiental os que están en risco, senón que é a poboación a que corre perigo”. 

O abandono do medio rural, a escasa ordenación forestal e o cambio climático poñen en risco non só os bens naturais senón tamén a poboación

Tamén se censura que o actual Goberno da Xunta, “do mesmo xeito que non pon en valor os recursos naturais”, estea a desprezar os empregados/as públicos/as deste sector, “negándolles sistematicamente unha formación axeitada, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer un servizo público de calidade”.

Lembran que os axentes, funcionarios/as públicos/as da Xunta, teñen asignadas as funcións de policía e custodia do medio natural, control da xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, xestión e ordenación dos recursos forestais, concienciación en materia ambiental e prevención e loita contra os incendios forestais.

Tamén se encargan de exercer a dirección técnica da extinción de incendios, dirixindo e coordinando sobre o terreo todos os medios das diferentes Administracións e entidades públicas e privadas que participan nas labores. “Por desgraza, o exceso de carga de traballo neste ámbito, que supón un exercicio de alta responsabilidade e profesionalidade, non ten parangón con ningún outro homólogo a nivel europeo”.

Persoal con condicións especiais

Segundo explican, as funcións que desenvolve o colectivo abarcan as 24 horas dos 365 días do ano, polo que é preciso unha programación especial das quendas para garantir a cobertura. Esta especificidade fai que non se lles poida encadrar dentro do marco horario ao uso da maioría do corpo de funcionarios/as. Polo tanto, estas especiais condicións de traballo regúlanse mediante un acordo entre a Xunta e as organizacións sindicais. O actual acordo, que tiña unha vixencia de tres anos, foi aprobado no ano 2004 e caducou en 2007, polo que foi denunciado polas organizacións sindicais, aínda que até o de agora a Xunta negouse a abordar a súa negociación.

Indican que durante a vaga de lumes de outubro de 2017 a falta deste acordo fíxose evidente, xa que a necesidade dun novo marco onde se contemple unha distribución horaria máis eficaz, segura e conciliadora é unha realidade incontestable. “Pero a Xunta respondeu pretendendo impor un aumento do 50% das gardas anuais, aumentando así a excesiva carga de traballo anual”.

Desgraciadamente a Xunta non parece concordar coa necesidade de regularizar e reordenar as condicións laborais destes empregados públicos, “e despois dunha serie de intentos para consolidar as negociacións entre a Dirección Xeral de Función Pública e as organizacións sindicais CIG e UGT a situación entra en vía morta, polo que nos vemos obrigados/as a programar un calendario de mobilizacións que inclúen a convocatoria dunha folga indefinida”.

Continúa a folga indefinida

Os axentes forestais e ambientais galegos están en folga indefinida dende o día 1 de agosto, e están a exercela cuns servizos mínimos abusivos que foron denunciados no Xulgado, xa que a Consellaría de Medio Rural incluíu a todo o colectivo nos servizos mínimos, conculcando o exercicio dun dereito fundamental como é o de folga.

Inciden en que a pesar das funcións que realizan de alta perigosidade e responsabilidade non están pedindo nada máis que o que xa teñen recoñecido outros colectivos dentro da Xunta. Nas súas nóminas, o complemento específico establecido por motivos de turnicidade, nocturnidade e perigosidade é inferior en máis de 200 euros mensuais ao de compañeiros/as de servizos similares. A cantidade de horas traballadas en cómputo anual tamén é superior á de calquera funcionario/a (nalgúns casos en máis de 200 horas).

Así mesmo, as retribucións económicas por gardas extraordinarias de 12 horas de duración realizadas en días laborais, fins de semana e festivos son moi inferiores ás de outros funcionarios/as homólogos, así como para os membros do mesmo sector doutras comunidades autónomas.

Ademais, reclaman o recoñecemento dunha segunda actividade a partir dos 60 anos, así como unhas condicións horarias dignas que garantan tanto a seguridade como a calidade do servizo sen renunciar á conciliación familiar e laboral. E que se apliquen medidas de acción en materia de prevención de riscos laborais; que se vixíe a saúde do persoal cos protocolos axeitados e cun catálogo de enfermidades profesionais; a posibilidade da conciliación laboral, persoal e familiar, que lles é vetada; e a aplicación de coeficientes redutores que permitan a xubilación anticipada.

Pero a Xunta segue a desprezar a este colectivo profesional “porque no fondo despreza tamén o noso monte xa que para eles/as nunca foi unha prioridade”. “O actual Goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía”.

Desmantelamento dos servizos públicos

Diante disto, censuran que a irresponsabilidade dos dirixentes da Xunta está a provocar que en pleno mes de agosto, “por primeira vez na súa historia os axentes teñan que estar en folga indefinida para defender a súa dignidade profesional e un servizo público de calidade”.

Lembran que sempre se considerou a estes funcionarios/as o espello onde se reflicte o interese real dos gobernos da Xunta polo patrimonio natural do país, “e así acontece en todas as partes do mundo”. Polo que sosteñen que aqueles Gobernos que apostan e cren na defensa dos seus recursos naturais teñen os encargados/as da súa xestión e custodia ben formados, equipados e apoiados polo que son, profesionais ao servizo dun país”.

Finalmente, aseguran que este desleixo intencionado co persoal público que defende o noso monte e o medio ambiente non é máis que o reflexo que o desmantelamento efectivo dos servizos públicos.

SABÍAS QUE A XUNTA...

-Nunca puxo en marcha o plan forestal nin apuntou e apostou por unha política forestal clara e decidida de valorización do monte, do medio rural e do medio natural no seu conxunto, apostando pola contra por especies de crecemento rápido, pirófitas e invasoras.

-Non é un bo exemplo de xestión dos montes públicos e dos conveniados con comunidades de montes.

-Non axuda á dinamización das comunidades de montes menos desenvolvidas.

-Non promove a concentración e a xestión conxunta dos minifundios da propiedade privada forestal.

-Non actúa de oficio no establecemento de medidas de prevención contra os incendios forestais para a protección dos núcleos de poboación.

-Fomenta a economía do lume mantendo no dispositivo de extinción unha amalgama de medios pertencentes a diferentes entidades públicas e privadas en vez de centralizalo no Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.

-Enrócase en non asumir a necesidade imperiosa de establecer novas estratexias, así como a preparación e interactuación de todos os operativos de emerxencias nos grandes e altamente perigosos incendios forestais.

-Perdeu o rumbo nas políticas de conservación e custodia dos recursos naturais e da biodiversidade dos nosos ecosistemas máis senlleiros.

-Afonda na centralización cara ao Estado español das competencias galegas na xestión do monte e conservación do medio ambiente a través da UME, UMA e Garda Civil.

Volver