Os autónomos/as dependentes de Frigolouro mobilízanse polas rúas do Porriño na segunda xornada de folga

Unha representación do persoal de Servicarne e da CIG mantivo unha xuntanza coa alcaldesa para que medie no conflito laboral

Vigo -

Os folguistas de Servicarne, persoal autónomo dependente da empresa de procesados cárnicos Frigolouro do Porriño, aproveitaron a segunda xornada de folga para mobilizarse polas rúas da localidade e mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa, que se comprometeu a mediar no conflito laboral. Arredor do 80% do persoal volveu secundar un paro indefinido para reclamar melloras nas súas condicións laborais que se suspende até o vindeiro luns.

(Galería de imaxes)

O segundo día do paro indefinido convocado polos falsos autónomos/as que traballan para Frigoluro a través da empresa catalá Servicarne para denunciar a elevada precariedade que padecen e reclamar melloras nas condicións de traballo comezou ben cedo cunha concentración ás portas da compañía no Porriño. A continuación, o persoal marchou polo centro da localidade até o Concello, onde se concentrou por espazo dunha hora e mantivo unha xuntanza coa alcaldesa.

A rexedora comprometeuse diante da representación do persoal e da CIG (encabezada polo secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves) a mediar no conflito laboral e amosoulles o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores/as. “Explicámoslle as condicións de precariedade que padece o persoal de Servicarne e amosouse moi soprendida polas condicións de traballo que soportan”, indican dende FGAMT-CIG. A primeira edil porriñesa tamén lles trasladou que se porá en contacto co xerente de Servicarne para intentar que reciba a unha representación dos afectados/as.

Amplo seguimento do paro

O paro indefinido está a ter un amplo seguimento por parte dos autónomos/as dependentes a pesar dos intentos de Servicarne de boicotear a protesta. A empresa contratou hoxe mesmo 20 novos/as traballadores/as, algo que pode facer ao tratarse dunha cooperativa, aínda que non evitou que a produción de Frigolouro se vise afectada de novo.

Por outra banda, o comité de empresa de Frigolouro (CCOO, UGT e Sindicato Independentes de Traballadores/as) decidiu amosar o seu “apoio moral” á loita dos traballadores/as de Servicarne e anunciou que solicitará unha xuntanza co xerente para reclamarlle que reciba a unha delegación dos representantes sindicais do persoal (CIG).

Finalmente, o persoal de Servicarne decidiu suspender a folga até o vindeiro luns, xornada que comezará cunha nova concentración diante das instalacións de Frigolouro ás 5.30 horas.

Volver