Os ambulantes vigueses alertan de que a suba de taxas ameaza a continuidade dos mercadiños da cidade

Denuncian que o Concello quere acabar cun tipo de comercio do que dependen centos de familias

Vigo -

Os vendedores/as ambulantes vigueses/as alzaron hoxe a voz xunto á CIG-Servizos para alertar de que a recente suba das taxas municipais de instalación dos postos está a ameazar a continuidade dos mercadiños que se celebran na cidade. Os afectados/as denuncian que o Concello pretende rematar cunha modalidade de comercio da que dependen centos de familias “porque queren que os nosos mercados se parezan aos de cidades como Londres ou París”.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, compareceu en rolda de prensa no mercadiño de Coia xunto ao secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, e á voceira da Asociación de Comerciantes non Establecidos -que agrupa arredor de 200 vendedores/as ambulantes- para denunciar unha problemática que pon en serio perigo a supervivencia dos mercadiños que se celebran na cidade.

Fernández indicou que tras case 10 meses sen actividade comercial por decisión do Concello -que suspendeu a celebración dos mercadiños por supostos motivos de seguridade-, os ambulantes atópanse agora con que dende o pasado mes de agosto o Goberno local decidiu incrementar as taxas de instalación dos postos, que pasan de pagar unha cantidade por metro lineal “a ter que abonar un euro por cada metro cadrado que ocupen, tengo que sufragar tamén a superficie correspondente aos corredores polos que transita o público”.

Deste xeito, segundo denuncia a responsábel sindical, houbo vendedores/as que recibiron facturas de entre 500 e 1000 euros por 15 ou 20 días de instalación do seu posto, “algo que fai imposíbel que estas persoas poidan subsistir”. Na súa opinión, isto sucede cando dende o Concello se lle dá “manga ancha” á hostelaría por exemplo para a instalación de terrazas, “mentres que os ambulantes non contan cun espazo axeitado para desenvolver o seu trabalo, carecen dun lugar para resgardarse da choiva e non teñen onde facer as súas necesidades”.

Xuntanzas e mocións

Diante disto, Fernández indicou que xa mantiveron xuntanzas tanto cos responsábeis municipais como coa oposición (PP e En Marea) para abordar o tema, tras o que decidiron promover mocións que levarán ao próximo pleno para que se dea marcha atrás na decisión, xa que os ambulantes estarían dispostos a abonar un euro por cada metro lineal, pero non por metro cadrado. “Dende o Concello sosteñen que o seu obxectivo é que os mercadiños da cidade se parezan aos existentes en capitais como Londres ou París, cando non teñen nada que ver”, afirma.

De feito, segundo corroborou a voceira do colectivo de ambulantes, Begoña Martínez, o propio edil responsábel chegou a asegurar que os actuais mercadiños “dan mala imaxe a Vigo”, abrindo incluso a porta a que o Concello estableza unha norma que iguale todos os postos a nivel estético. Por agora os cambios introducidos supoñen unicamente o aumento das taxas e obrigatoriedade de ter que abonalas o día 1 de cada mes “instales posto ou non”.

Martínez amosouse convencida de que esta decisión suporá “a ruína” para moitos/as dos ambulantes, ademais de rematar cos mercadiños. “Estamos a ver como cada semana se dan de baixa unhas 10 persoas, até o punto que a ocupación actual ronda o 15%”. Ao mesmo tempo, denuncia unha persecusión por parte dos responsábeis municipais, que mesmo contrataron unha empresa para revisar a documentación dos comerciantes (ITV, permisos, autónomos, etc). “Este domingo chegaron a mandar varias grúas a levarse coches, un claro xeito de presionarnos e de acosarnos; tamén multaron a clientes, facendo que a xente opte por non volver”, critica.

Finalmente, lembran que tras esta decisión os marcadiños de Vigo son os únicos de toda Galiza que cobran por metro cadrado, cando en concellos próximos como Tui, Porriño ou Redondela as taxas oscilan entre os 0,60 ou 0,70 euros por metro lineal.

Volver