Os actos de Ferroatlántica demostran que o plan industrial "era unha gran mentira"

A representación social presenta alegacións contra o recurso de alzada da empresa
Cee - 24 Nov 2017

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas vén de presentar alegacións ao recurso de alzada trasladado pola empresa contra a decisión de Augas de Galiza de non autorizar a segregación de actividades das fábricas de ferroaliaxes e as plantas de produción enerxética. A representación social critica que o Grupo Villar Mir non asuma o ditame da administración galega e sosteña a súa cruzada contra o emprego e a viabilidade das fábricas da Costa da Morte.

Durante todo o conflito o comité puxo o acento no obxectivo real que buscaba Ferroatlántica con esta operación e a farsa do seu plan industrial. Unha mentira que quedou ao descuberto cando, nada máis coñecer a resolución da Xunta, a empresa, con total descaro, deixou sen efecto ese plan industrial. "Se Ferroaltántica entende que o interese xeral que sostén a vinculación de ambas producións pode ser intercambiábel polo seu proxecto industrial, por que non defende esa argumentación no seu recurso e por que anula a aplicación do plan?", pregúntase o comité.

As mentiras da empresa quedaron ao descuberto cando, nada máis coñecer a resolución da Xunta,  deixou sen efecto o plan industrial"

Para a representación social, cos seus actos, a empresa demostra que a venda das centrais forma parte dunha operación puramente especulativa cuxa finalidade en ningún caso é obter liquidez, nin realizar inversións ou proxectos en Galiza. Así queda patente cando, a pesar de non lograr a autorización para a segregación, Ferroatlántica segue adiante co proxecto FerroSolar, mais trasladándoo a Puertollano (co sobrecuste que isto implica), e cando acaba de comprar novas plantas de  aliaxes de manganeso en Francia e Noruega.  

Unha adquisición que, de terse autorizado a desvinculación das actividades, suporía o peche inmediato das fábricas de Cee e Dumbría.

Por iso, o comité esixe ao goberno da Xunta que se manteña firme na súa resolución inicial e impida que o Grupo siga a desmantelar o seu tecido industrial en Galiza, levando adiante unha desfeita laboral como a que vén de perpetrar en Arteixo. "A Xunta non pode consentir que esta empresa espolie e explote os nosos recursos naturais e reciba millonarias axudas públicas en I+D para xerar riqueza fóra do noso país", engaden.

A empresa quere a modificación "á carta" da concesión

Neste sento hai que subliñar que no recurso de alzada, Ferroatlántica teima, unha vez máis, en negar o carácter esencial  da cláusula de vinculación societaria (que prohibe a segregación das actividades de ferroaliaxes e de produción enerxética como garantía de defensa do interese xeral), intentado conseguir así unha modificación da concesión "á carta", que lle permita manter  a adxudicación dos aproveitamentos e decidir sobre a venda das centrais como se fora a propietario dos ríos.

Ferroatlántica quere converter o recurso administrativo na alternativa para reabrir indefinidamente as posibilidades de impugnar a legalidade dos actos administrativos firmes"

 Por iso, a empresa insiste en negar o carácter substancial da cláusula de vinculación, coa finalidade de negar que a súa supresión se ten que realizar a través do procedemento de modificación das concesións hidroeléctricas, que o que legalmente correspondente nestes casos, e que implicaría a caducidade da concesión e a tramitación dun novo procedemento de outorgamento en réxime de concorrencia.

Un uso ilícito da vía administrativa

Cómpre lembrar tamén que na súa solicitude a Augas de Galiza, Ferrotlántica non pedía a anulación das cláusulas, senón a revogación parcial da concesión en vigor -concretamente a supresión da cláusula de non segregación-. Deste xeito, o Grupo empresarial pretende lograr a revogación pola vía administrativa, xa que ao existir sentenza xudicial firme do TSXG avalando a legalidade da cláusula non pode pedir, outra vez, a anulación da mesma.

É dicir, o que intenta a empresa é converter o recurso administrativo na alternativa para reabrir indefinidamente as posibilidades de impugnar a legalidade dos actos administrativos firmes. Obxectivo este que non só non contempla a lexislación vixente, senón que incluso impide, pois, fronte as afirmacións da empresa, a xurisprudencia estabelece que non existe obriga ningunha por parte da administración de incoar un expediente de revogación das súas propias decisións, porque non existe o dereito subxectivo da persoa afectada (neste caso unha empresa) a que a administración os revogue.

Vixencia do interese público

No recurso de alzada, a empresa segue sen demostrar o suposto cambio de circunstancias e a desaparición do interese público"

 Xunto a isto, no recurso de alzada, a empresa segue sen demostrar o suposto cambio de circunstancias e a desaparición do interese público, cando da resolución administrativa se deduce que a cláusula de vinculación segue plenamente vixente. E este interese público lexítimo non é outro que o mantemento do emprego e da actividade industrial de ferroaliaxes na Costa da Morte, máis concretamente, nos centros de Cee e Dumbría.

A pesar de tentar retorcer ao máximo á lexislación, Ferroatlántica non foi quen de probar a suposta inversión da relación económica entre a actividade de ferroaliaxes e de produción enerxética, e a propia natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o mantemento da obriga de non segregación.

FerroGlobe adquire fábricas que serán competencia directa para Brens

Precisamente, a necesidade de defender o interese público e os nosos sectores produtivos  faise patente neste intre, ao coñecerse que FerroGlobe (o grupo industrial no que se integra Ferroatlántica) vén de comprarlle a Glencore as fábricas de aliaxes de manganeso que ten en Francia e Noruega. Instalacións que se converterán en competidoras directas da produción que se realiza na planta de Brens en Cee.

Hai que lembrar que a fábrica de Cee conta con tres fornos de produción, dos que o 13 e o 14 son de manganesos (ferromanganeso e silicomanganeso), e que, ademais, é a máis obsoleta do Grupo, pois tal e como o Comité denuncia de maneira reiterada, Ferroatlántica leva 23 anos sen facer inversións para a modernización e mellora do complexo industrial da Costa da Morte.

Que o obxectivo do Grupo Villar Mir vai polo camiño de desmantelar Brens non é ningunha novidade, e xa figuraba nos plans de viabilidade do ano 1992, cando adquiriu o complexo a Carburos Metálicos. A compra agora das plantas de Glencore supón unha nova ameaza para a viabilidade e o futuro de Cee e Dumbría, ao producir o mesmo pero con instalacións máis modernas e un custe enerxético inferior.

O Goberno galego non pode obviar esta circunstancia. Permitir a desvinculación da produción de ferroaliaxes e a de enerxía (que de xeito invariábel reporta beneficios) sería condenar ao peche as fábricas da Costa da Morte, destruír centos de empregos e levar á ruína a toda a comarca.