Ex traballadores de Aglonor levan 12 anos agardando a indemnización de despido

O proceso eternízase polos recursos xudiciais derivados das débedas que Dragados ten coa firma pontevedresa
Pontevedra - 10 Xul 2017

A CIG-Construción de Pontevedra denunciou este xoves en rolda de prensa que os 31 ex traballadores de Aglomerados del Noroeste (Aglonor), empresa que formaba parte do desaparecido grupo Malvar, continúan sen cobrar as indemnizacións por despedimento 12 anos despois da presentación do concurso de acredores. A central critica que o proceso se estea a eternizar como consecuencia dos recursos xudiciais derivados das débedas que a compañía Dragados mantén con Aglonor e que se nega a recoñecer.

A denuncia pública foi feita en rolda prensa este xoves por Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, quen lembrou que Aglonor, que facía parte do antigo grupo Malvar, creouse cando faleceu o propietario do grupo e a súa viúva inicia un proceso de segregación do grupo por sectores produtivos. Deste xeito, Aglonor pasou a agrupar a división de asfaltados.

Na actualidade, todas as empresas que integraban o grupo están liquidadas a excepción de Aglonor, que pese a que a súa actividade cesou en 2005, coincidindo coa desaparición da figura xurídica da suspensión de pagos e coa entrada en vigor da Lei Concursal (concurso de acredores), o seu proceso concursal continúa no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra. 

O cadro de persoal cobrou só un 20% da indemnización, o que abonou o Fogasa, máis dous pequenos pagos

Como consecuencia, os seus 31ex traballadores continúan dende entón á espera de cobrar a maior parte das indemnizacións por despedimento, a pesar de que unha sentenza do Xulgado do Social recoñeceu 45 días por ano para case todos eles. Os que non lograran este recoñecemento xudicial, tamén viron como posteriormente o xuíz do Mercantil fixou esta mesma cantidade para evitar situacións de agravio comparativo. O persoal cobrou unicamente o 20% da débeda, que foi o que abonou o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), e a maiores dous pagos feitos pola administración concursal en dous prazos, un de 2000 euros e outro de 1000.

Agulla sinala que o proceso concursal segue vixente porque hai unhas cantidades pendentes de pago por parte de Dragados por traballos realizados por Aglonor. “Isto está a dilatar excesivamente o proceso, estendendo no tempo a vida útil da empresa; como consecuencia, cinco traballadores xa faleceron e moitos teñen máis de 70 anos e soportan cargas familiares derivadas da crise económica, polo que cada vez se fai máis urxente a necesidade de cobrar”, explica.

Dragados, “un peixe demasiado gordo"

Ao mesmo tempo, sostén que xa que a empresa está inmersa nun concurso de acredores no Xulgado do Mercantil número 1, este Xulgado debe de ser o competente en determinar a contía da débeda e o seu pagamento, “porque está claro que a Dragados lle interesa dilatar o proceso para que os traballadores vaian desaparecendo”. “Debe de ser que se trata dun peixe demasiado gordo para que a Xustiza actúe, e semella que en lugar de cega, neste caso é chosca, mira só por un ollo e deixa que empresas deste tipo se saian coa súa e eludan as súas responsabilidades, neste caso con Aglonor e co seu persoal”, censura.

Neste senso, considera que Dragados ten que afrontar esta débeda, “e se non o fai o Xulgado ten que obrigarlle a facelo; intentamos que fose o Mercantil ou a Audiencia Provincial as que determinasen a responsabilidade de Dragados, pero ninguén o fai”. Así, lembra que houbo que ir a un xuízo en Zaragoza por unha cantidade menor de 600.00 euros polos traballos realizados por Aglonor para Dragados en Teruel “e gañouse, pero a letra pequena da sentenza di que como Aglonor tamén lle adebeda a Dragados unha cantidades por non se sabe que, pois que queda unha cousa pola outra”. 

Denuncian que a Dragados lle interesa dilatar o proceso para que os traballadores desaparezan

Explica que o último acto xudicial foi o pasado 27 de xaneiro nun Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 42 de Madrid, co obxectivo de determinar a contía maior da débeda, “que nós ciframos en 1,8 millóns de euros”. “Pero o xuíz non entra no fondo da cuestión e estima en parte a reclamación, unicamente nunha ínfima cantidade que as dúas partes xa teñen recoñecida (155.000 euros)”. Os afectados queren que desta cantidade se destine unha parte proporcional a pagarlle aos traballadores/as, “sen menoscabar os dereitos doutros acredores que poida haber. Esta sentenza está recorrida na Audiencia Provincial”.

Sosteñen que o Xulgado do Mercantil de Pontevedra é o que mellor coñece o expediente, “polo que non parece lóxico que o leve o de Madrid, que lle chega de rebote”. Ademais, denuncian que o proceso se está a “eternizar” como consecuencia “da influencia que ten Dragados a nivel político e xudicial”. “O cadro de persoal non ten tempo, polo que é inadmisíbel que isto aconteza, e demostra que a Lei Concursal só serve para destruír emprego; antes pelexábase pola viabilidade da empresa, pero o actual sistema é unha auténtica trituradora de empresas e de postos de traballo”, rematan.