Orzamentos: 2019 seguirá marcado pola perda de poder adquisitivo e o mantemento dos recortes de persoal

Os acordos asinados polos sindicatos estatais impiden recuperar sequera o nivel emprego público de 2009

Nacional -

Función Pública presentou esta mañá os orzamentos galegos para 2019 no referido ao persoal público. Introdúcense unha serie de cambios na lei 2/2015 de emprego público de Galiza, como o cobro do 100% en caso de baixa médica que, en todo caso, terá que agardar a xaneiro, e a ampliación do permiso de maternidade.

Na xuntanza a Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Administración e CIG-Saúde) criticou, entre outras cuestións, que se lle chame a isto ‘negociación’, “porque xa van ser aprobados mañá no Consello da Xunta para entrar de inmediato no Parlamento” e defendeu que “todo o que atinxe ao persoal do sector público ten que ser negociado primeiro nas mesas sectoriais”.

Denunciou ademais que “son máis do mesmo, porque coa escusa de que non están aprobados aínda os orzamentos xerais do estado, o que se presentou foi unha copia do ano anterior”.

Limitacións do cobro do 100% en situacións de IT

Estes orzamentos contemplan por fin a recuperación do dereito a cobrar o 100% do salario en caso de baixa por Incapacidade temporal (IT). Dereito que foi suprimido en 2012 e que a Área Pública da CIG entende que agora se repón “grazas ás mobilizacións” que foron as que “obrigaron á administración a retirar unha medida que nunca debeu ser imposta”.

Malia isto a CIG criticou a redacción proposta pola Xunta, ao limitar o pagamento dese complemento até o 100% ás retribucións fixas do primeiro mes de baixa, o que impediría o cobro de incrementos retributivos que se poidan producir ao longo dunha baixa.

A este respecto a Área Pública denuncia o papel do goberno Feixóo que se negou a recuperar este dereito, so pretexto dunha lexislación estatal que, porén, non condicionou a outros territorios que si o repuxeron. Mais tamén denuncia a “vergoñenta complicidade das organizacións sindicais estatais que daban por feita esta recuperación que non por moi anunciada se chegaba a  efectivizar e pola que haberá que agardar aínda á entrada en vigor dos orzamentos da Xunta, en xaneiro de 2019.

Limitados polo acordo asinado polos sindicatos estatais

Para a Área Pública da CIG esta “pseudonegociación” vese limitada polos acordos asinados polos sindicatos estatais tanto en Madrid como en Galiza, aos que a central sindical xa manifestou a súa oposición no seu momento. “As subas salariais están ligadas ao PIB e non aos incrementos do IPC” que en 2018 está xa no 2,2%, mentres que o incremento acordado para o segundo trimestre deste ano é do 1,75%, co cal xa se perdeu poder adquisitivo tendo en conta só a diferenza que hai neste ano. A suba media do ano 2018 sitúase no 1,62%, fixando unha perda de poder adquisitivo do 0,6%. Unha perda da que é responsábel o goberno Rajoy e cómplices necesarios os sindicatos que negociaron á baixa a suposta “recuperación” salarial.

Non se creará novo emprego no sector público

Ademais do aspecto retributivo, a crítica da CIG tamén se estende ao mantemento dunhas taxas de reposición que van impedir que se recupere sequera o nivel emprego público que había no ano 2009. A CIG lembrou que a imposibilidade de aumentar a cifra total de persoal na Xunta está fixada no acordo asinado en Madrid e referendado en Galiza pola Xunta e os mesmos sindicatos.

A CIG céntrase na recuperación real de dereitos

Xunto a estas cuestións a CIG demandou a derrogación da Lei de Medidas 1/2012; a recuperación das 35 horas semanais, do fondo de acción social, do cobro de verán polo persoal docente substituto da consellaría de Educación que traballa máis de cinco meses e medio e de todos os demais dereitos suprimidos so pretexto da crise.

Na Mesa Xeral, a central sindical demandou tamén a creación dun fondo de compensación co que se garanta a recuperación do complemento específico das pagas extras recortadas en Galiza desde o ano 2013 ao 2016. “Ao facerse a recuperación das extras a partir de 2017 perderíase todo o referido aos anos anteriores”.

Conciliación e permisos: 22 semanas no permiso de parto e propostas da CIG

O director xeral de Función Pública anunciou na Mesa que a Xunta vai introducir unha modificación no permiso de parto, ampliando a 22 semanas o que agora mesmo está en 20. Ao tempo anunciou a dispoñibilidade a aumentar o permiso para a outra persoa proxenitora mais non deu máis datos, escusándose no posíbel incremento que se produza a nivel do Estado.

A CIG, sen deixar de amosar o apoio a calquera avance que se poida producir nesta materia, lembrou a posición sindical xa expresada hai un ano: que os permisos de maternidade e da outra persoa proxenitora teñen que chegar a 12 meses, con idéntica duración e con carácter intransferíbel. Tendo en conta isto, a CIG advertiulle á Xunta que nada impide para que se dean xa os pasos necesarios nese camiño e se produza un incremento importante en ambos permisos.

En materia de conciliación a Área Pública da CIG demandou, como xa fixera no mes de maio na dirección xeral de Función Pública, a adaptación da sentenza do Tribunal Supremo no que fai referencia a non computar como día de permiso o primeiro día se este cae nun día feriado. A proposta da CIG afecta a permisos como o de lactación, por matrimonio, unión de feito, por parto ou acollemento ou o doutra persoa proxenitora. A CIG foi máis alá e propuxo que todos os permisos se computen en días hábiles como acontece na actualidade co permiso por falecemento ou enfermidade grave. Xunto a isto solicitou a modificaciónpara flexibilizar o goce do permiso de paternidade dentro do primeiro ano de vida da crianza.

Tamén incorporou outras propostas que serán todas elas debatidas nunha nova reunión que terá lugar a semana próxima.

A Área Pública da CIG demandou ademais fixar como deber inescusábel a atención ou coidado de crianzas, maiores ao cargo ou persoas con discapacidade cando teñan recomendado un repouso domiciliario e ampliación do dereito de conciliación do persoal público até os 14 anos de idade das crianzas, incluíndo o curso escolar no que cumpren os 14 (agora está nos 12 anos de idade).

Volver