Convocada unha mobilización en Compostela en apoio á folga do persoal de Xustiza

Este xoves de 11:00 a 11:30 horas, diante do edificio administrativo da Xunta Galiza

Nacional -

CIG, CCOO, UGT e CSIF da Administración Autonómica teñen convocada unha concentración en solidariedade coas traballadoras e traballadores de Xustiza, en folga desde hai máis de dous meses e que tamén participarán na mesma, para demandar da Xunta que sente a negociar e exixir que se solucione o conflito. A mobilización terá lugar mañá xoves, día 12 de abril, entre as 11:00 e as 11:30 horas na parte superior do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, pola zona da capela de San Caetano.

As organizacións sindicais entenden que esta non é unha loita illada, senón que debe ser entendida como unha loita propia do conxunto das empregadas/os das administracións contra os recortes laborais, salariais e sociais aplicados nestes últimos anos; pois na área pública foi onde os gobernos ensaiaron as políticas antiobreiras que despois estenderían a todo o mundo do traballo a través das reformas laborais.

Por iso, acompañar o persoal de Xustiza na súa batalla non supón só un xesto de solidariedade, significa plantarlle cara ás políticas de desmantelamento e privatización dos servizos públicos, á precarización do emprego, ás amortizacións, ás rebaixas dos salarios, ás penalizacións por enfermar, á vulneración do dereito á negociación colectiva e, ademais, enfrontar a prepotencia e as mentiras do PP.

Volver