Oito contradicións da «orde baseada en regras» imperialista

Vijay Prashad - 20 Mar 2023

A evasión fiscal do capital e a privatización de amplas franxas do sector público diminuíron a dispoñibilidade de servizos públicos básicos como a educación, a saúde e o transporte para miles de millóns de persoas. O impacto sobre a clase traballadora é grave, xa que o seu traballo se volveu cada vez máis precario e o desemprego permanente está a destruír a grandes sectores da mocidade mundial. Unha parte crecente da poboación é superflua no capitalismo. Abundan a desigualdade social, a miseria e a desesperación

 Estamos a entrar nunha fase cualitativamente nova da historia mundial. Nos anos transcorridos desde a Gran Crise Financeira de 2008 producíronse mudanzas significativas. Isto maniféstase nunha nova fase do imperialismo e en mudanzas nas particularidades de oito contradicións

  1. A contradición entre un imperialismo moribundo e un socialismo emerxente e exitoso liderado por China.

 Esta contradición intensificouse debido ao ascenso pacífico do socialismo con características chinesas. Por primeira vez en 500 anos, as potencias imperialistas atlánticas enfróntanse a unha gran potencia económica non branca que pode competir con elas. Isto quedou claro en 2013, cando o PIB de China en paridade de poder adquisitivo (PPA) superou o dos Estados Unidos. China logrouno nun período moito máis curto que Occidente, cunha poboación moito maior e sen colonias, escravización doutros nin conquistas militares. Mentres China defende unhas relacións pacíficas, Estados Unidos volveuse cada vez máis belicoso.

 Os Estados Unidos lideraron o campo imperialista desde a Segunda Guerra Mundial. Despois de Angela Merkel e coa operación militar en Ucraína, os EUA subordinaron estratexicamente sectores dominantes da burguesía europea e xaponesa. O resultado foi o enfraquecemento das contradicións intraimperialistas. Os Estados Unidos primeiro permitiron e logo exixiron que tanto Xapón (a terceira maior economía do mundo) como Alemaña (a cuarta maior economía) —dúas potencias fascistas durante a Segunda Guerra Mundial— aumentasen enormemente o seu gasto militar. O resultado foi a fin da relación económica de Europa con Rusia, danos para a economía europea e beneficios económicos e políticos para os EUA. A pesar da capitulación da meirande parte da elite política europea á plena subordinación estadounidense, algúns grandes sectores do capital alemán dependen en gran medida do comercio con China, moito máis que dos seus homólogos estadounidenses. Así e todo, Estados Unidos presiona agora a Europa para que diminúa os seus lazos con China.

 E o que é máis importante, China e o campo socialista enfróntanse agora a unha entidade aínda máis perigosa: a estrutura consolidada da “Tríade” (Estados Unidos, Europa e Xapón). A crecente descomposición social interna dos EUA non debe agochar a unidade case absoluta da súa elite política en termos de política exterior. Estamos a ser testemuñas de como a burguesía antepón os seus intereses políticos e militares aos seus intereses económicos a curto prazo.

 O centro da economía mundial estase a desprazar: Rusia e o Sur Global (incluída China) representan agora o 65% do PIB mundial (medido en PPA). Desde 1950 até a actualidade, a cota de Estados Unidos no PIB mundial (en PPA) caeu do 27% ao 15%. O crecemento do PIB dos EUA tamén foi diminuíndo durante máis de cinco décadas e agora reduciuse a só arredor dun 2% anual. Non ten grandes mercados novos nos que se expandir. Occidente sofre unha crise xeneralizada do capitalismo, así como as consecuencias da tendencia a longo prazo á redución da taxa de ganancias.

  1. A contradición entre as clases dominantes da estreita franxa de países imperialistas do G7 e a elite política e económica dos países capitalistas do Sur Global.

 Esta relación experimentou unha mudanza importante desde a década de 1990 e o apoxeo do poder unilateral e a arrogancia de Estados Unidos. Na actualidade, a alianza entre o G7 e as elites do Sur Global racha cada vez máis. Mukesh Ambani e Gautam Adani, os maiores multimillonarios da India, necesitan petróleo e carbón de Rusia. O goberno de extrema dereita dirixido por Modi representa a burguesía monopolista da India. Así, o ministro de Relacións Exteriores indio fai agora declaracións ocasionais contra a hexemonía estadounidense en finanzas, sancións e outras áreas. Occidente non ten a capacidade económica e política para proporcionar sempre o que necesitan as elites do poder en India, Arabia Saudita e Turquía. Esta contradición, porén, non se agudizou até o punto de que poida ser un punto fulcral doutras contradicións, a diferenza da contradición entre a China socialista e o bloque do G7 liderado por Estados Unidos.

  1. A contradición entre a ampla clase traballadora urbana e rural e sectores da baixa pequena burguesía (coñecidos colectivamente como clases populares) do Sur Global versus a elite imperialista liderada polos Estados Unidos.

 Esta contradición está a agudizarse aos poucos. Occidente ten unha gran vantaxe de poder brando no Sur Global entre todas as clases. Con todo, por primeira vez en décadas, os mozos africanos saíron a apoiar a expulsión das tropas francesas en Malí e Burkina Faso, en África Occidental. Por primeira vez, as clases populares de Colombia foron capaces de elixir un novo goberno que rexeitaba o status do país como posto de avanzada vasalo das forzas militares e a intelixencia estadounidenses. As mulleres da clase traballadora están á fronte de moitas batallas críticas tanto da súa clase como da sociedade en xeral. As e os mozos levántanse contra os crimes ambientais do capitalismo. Un número cada vez maior da clase traballadora identifica as súas loitas pola paz, o desenvolvemento e a xustiza como explicitamente antiimperialistas. Agora son capaces de ver a través das mentiras da ideoloxía estadounidense dos «dereitos humanos», a destrución do medio ambiente polas empresas enerxéticas e mineiras occidentais e a violencia da guerra híbrida e as sancións estadounidenses.

  1. A contradición entre o capital financeiro avanzado rentista e as necesidades das clases populares, e mesmo dalgúns sectores do capital nos países non socialistas, respecto da organización das necesidades das sociedades en materia de investimento na industria, a agricultura sustentábel desde o punto de vista ambiental, o emprego e o desenvolvemento.

 Esta contradición é o resultado da diminución da taxa de ganancia e da dificultade do capital para aumentar a taxa de explotación da clase traballadora até un nivel suficiente capaz de financiar as crecentes necesidades de investimento e seguir sendo competitivo. Fóra do campo socialista, en case todos os países capitalistas avanzados e na maior parte do Sur Global —con algunhas excepcións, nomeadamente en Asia— existe unha crise de investimento. Xurdiron novos tipos de empresas que inclúen fondos de cobertura como Bridgewater Associates e empresas de capital risco como BlackRock. Os «mercados privados» controlaban activos por valor de 9,8 billóns de dólares en 2022. Os derivados, unha forma de capital ficticio e especulativo, teñen agora un valor de «mercado» de 18,3 billóns de dólares, pero un valor teórico de 632 billóns, un valor máis de cinco veces superior ao PIB real total do mundo.

 Xurdiu unha nova clase de monopolios de efecto rede baseados na tecnoloxía da información, entre os que se inclúen Google, Facebook/Meta e Amazon —todos baixo o control total dos EUA— para atraer rendas monopolísticas. Os monopolios dixitais estadounidenses, baixo a supervisión directa das axencias de intelixencia dos EUA, controlan a arquitectura da información de todo o mundo, fóra duns poucos países socialistas e nacionalistas. Estes monopolios son a base da rápida expansión do poder brando estadounidense nos últimos 20 anos. O complexo militar-industrial, os mercadores da morte, tamén atraen cada vez máis investimentos.

 Esta fase intensificada de acumulación rentista especulativa e monopolista do capital está a profundar unha folga do capital contra os investimentos sociais necesarios. Sudáfrica e Brasil viron niveis dramáticos de desindustrialización baixo o neoliberalismo. Incluso os países imperialistas avanzados ignoraron as súas propias infraestruturas, como a rede eléctrica, pontes e camiños de ferro. A elite mundial urdiu unha folga de impostos proporcionando enormes reducións nos tipos impositivos e nos impostos, así como paraísos fiscais legais tanto para os capitalistas individuais como para as súas corporacións, co fin de aumentar a súa cota de plusvalía.

 A evasión fiscal do capital e a privatización de amplas franxas do sector público diminuíron a dispoñibilidade de servizos públicos básicos como a educación, a saúde e o transporte para miles de millóns de persoas. Contribuíron á capacidade do capital occidental para manipular e obter elevados ingresos polos xuros da crise de débeda «fabricada» á que se enfronta o Sur Global. No seu nivel máis alto, os especuladores de fondos de cobertura como George Soros destrúen as finanzas de países enteiros coa súa especulación.

 O impacto sobre a clase traballadora é grave, xa que o seu traballo se volveu cada vez máis precario e o desemprego permanente está a destruír a grandes sectores da mocidade mundial. Unha parte crecente da poboación é superflua no capitalismo. Abundan a desigualdade social, a miseria e a desesperación

  1. A contradición entre as clases populares do Sur Global e as súas elites políticas e económicas nacionais.

 Isto maniféstase de forma moi diferente segundo o país e a rexión. Nos países socialistas e progresistas, as contradicións entre o pobo resólvense de formas pacíficas e variadas. Porén, en varios países do Sur Global nos que a elite capitalista estivo totalmente en conivencia co capital occidental, a riqueza está en mans dunha pequena porcentaxe da poboación. A miseria é xeneralizada entre os máis pobres e o modelo de desenvolvemento capitalista non serve aos intereses da maioría. Debido á historia do neocolonialismo e ao poder brando occidental, existe un consenso de clase media decididamente prooccidental na maioría dos países grandes do Sur Global. Esta hexemonía de clase da burguesía local e do estrato superior da pequena burguesía utilízase para bloquear o acceso ao poder e a influencia das clases populares (que constitúen a maioría da poboación).

  1. A contradición entre o imperialismo dirixido polos Estados Unidos e as nacións que defenden firmemente a soberanía nacional.

 Estas nacións divídense en catro categorías principais: países socialistas, países progresistas, outros países que rexeitan o control estadounidense e o caso especial de Rusia. Estados Unidos creou esta contradición antagónica a través de métodos de guerra híbrida como asasinatos, invasións, agresións militares dirixidas pola OTAN, sancións, lawfare, guerra comercial e unha guerra de propaganda agora incesante baseada en mentiras descaradas. Rusia atópase nunha categoría especial, xa que sufriu máis de 25 millóns de mortes a mans dos invasores fascistas europeos cando era un país socialista. Na actualidade, Rusia —que conta sobre todo con inmensos recursos naturais— volve ser un obxectivo de aniquilación total como Estado por parte da OTAN. Algúns elementos do seu pasado socialista seguen presentes no país, e persiste un alto grao de patriotismo. O obxectivo de Estados Unidos é acabar o que empezou en 1992: como mínimo, destruír permanentemente a capacidade militar nuclear de Rusia e instalar un réxime monicreque en Moscova para desmembrar Rusia a longo prazo e substituíla por moitos Estados vasalos de Occidente máis pequenos e permanentemente debilitados.

  1. A contradición entre os millóns de traballadorxs pobres excluídos do Norte Global fronte á burguesía que domina estes países.

 Estes traballadorxs están a mostrar algúns signos de rebelión contra as súas condicións económicas e sociais. Así e todo, a burguesía imperialista está a xogar a carta da supremacía branca para impedir unha maior unidade dxs traballadorxs destes países. Neste momento, xs traballadorxs non son capaces de evitar caer presa da propaganda racista de guerra. O número de persoas presentes en actos públicos contra o imperialismo diminuíu vertixinosamente nos últimos trinta anos.

  1. A contradición entre o capitalismo occidental e o planeta e a vida humana.

 O camiño inexorábel deste sistema é destruír o planeta e a vida humana, ameazar coa aniquilación nuclear e traballar en contra da necesidade da humanidade de recuperar colectivamente o aire, a auga e a terra do planeta e deter a tolemia militar nuclear dos Estados Unidos. O capitalismo rexeita a planificación e a paz. O Sur Global (incluída China) pode axudar o mundo a construír e ampliar unha «zona de paz» e comprometerse a vivir en harmonía coa natureza.

 Con estas mudanzas no panorama político, asistimos ao xurdimento dunha fronte informal contra o sistema imperialista dominado por Estados Unidos. Esta fronte está constituída pola converxencia de:

- O sentimento popular de que este sistema violento é o principal inimigo dos pobos do mundo.

- Os desexos populares dun mundo máis xusto, pacífico e igualitario.

- A loita dos gobernos e forzas políticas socialistas ou nacionalistas pola súa soberanía.

- Os desexos doutros países do Sur Global de reducir a súa dependencia deste sistema.

 As principais forzas contra o sistema imperialista dominado por Estados Unidos son os pobos do mundo e os gobernos socialistas e nacionalistas. Con todo, debe haber espazo para os gobernos integradores que desexen reducir a súa dependencia do sistema imperialista.

 O mundo está actualmente ao comezo dunha nova era na que seremos testemuñas da fin do imperio global estadounidense. O sistema neoliberal está a deteriorarse baixo o peso de numerosas contradicións internas, inxustizas históricas e inviabilidade económica. Sen unha alternativa mellor, o mundo sumirase nun caos aínda maior. Os nosos movementos reavivaron a esperanza de que algo distinto a esta desfeita social é posíbel.

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 9 de marzo de 2023]