O xulgado require novamente ao Concello da Fonsagrada o cumprimento das sentenzas polo despedimentos no GES

A xustiza advirte que de non acatar o mandato "tomaranse as medidas necesarias"
A Fonsagrada - 31 Out 2018

Parte dos traballadores que formaban parte do GES da Fonsagrada seguen pendentes de cobrar as cantidades que lles adebeda o Concello. Este persoal foi despedido mediante un expediente colectivo de regulación de emprego, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou improcedentes os despedimentos. 

Porén, o Concello da Fonsagrada demorou arbitrariamente o cumprimento dos requirimentos de pago das indemnizacións e salarios de tramitación a estes traballadores, e agora o Xulgado do Social nº3 de Lugo vén de facer un novo requirimento ao Goberno municipal para que proceda ao abono das cantidades adebedadas, "advertíndolle que de non realizalo tomaranse as medidas necesarias a que haxa lugar en dereito”.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, denuncia que este atraso "é claramente intencionado" co único obxectivo de prexudicar outra vez máis os traballadores a quen a xustiza lles deu a razón. "Non hai ningún outro motivo para non pagar, arriscándose incluso o Concello a que se lle impoña unha multa por desacato a unha resolución xudicial. Esta actuación é outra mostra máis da conduta absolutamente irresponsábel do Goberno local, que xa tivo que pagar indemnizacións e salarios cos cartos de todos os veciños e veciñas, para cumprir os caprichos do alcalde que ben poden cualificarse como prevaricación", asevera.

Dende a CIG critican a actitude do alcalde da Fonsagrada de demorar o cumprimento das sentenzas e tamén de privar dun servizo público que lle sae gratis, como son os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, a unha zona de especiais dificultades. Tal e  como quedou demostrado no último temporal de neve, que provocou graves problemas e que aínda hoxe non foron resoltos.

A CIG considera responsábel desta "esperpéntica situación" o alcalde e denuncia "a súa incapacidade política para dar por rematado un despropósito que prexudica gravemente tamén os intereses do propio Concello".