Condenan o alcalde de Xinzo de Limia a 8,6 anos de inhabilitación por prevaricar

A CIG participou como acusación particular no proceso por “enchufismo” contra o rexedor

Ourense -

A titular do Xulgado do Penal número 1 de Ourense resolveu condenar na mañá de hoxe o alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez Rodríguez, como autor dun delito continuado de prevaricación, impóndolle unha pena de 8 anos e 6 meses de inhabilitación especial para emprego ou cargo público.

Durante o proceso xudicial, no que a CIG interveu como acusación particular, ficou demostrado, tal e como denunciou a central, que se estaban a levar a cabo contratacións “a dedo” obviando o dereito á igualdade de oportunidades de todos os cidadáns/ás no acceso ao emprego público, ao “enchufar” a persoas afíns ao Partido Popular. 

Durante o proceso xudicial ficou demostrado que se contrataba "a dedo" para "enchufar" a persoas afíns ao Partido Popular

A xuíza indica na súa sentenza que o rexedor procedeu á contratación de traballadoras/es a sabendas de que faltaba a publicidade dos contratos para que calquera persoa puidese acceder a eles de acordo cos principios de mérito e capacidade, requisitos básicos de calquera contratación pública.

Do mesmo xeito, tamén sinala que “procedió a la contratación, a pesar de haber sido informado, verbalmente y/o por escrito, tanto por parte de la Secretaría del Concello como por parte de la Intervención del Concello, del incumplimiento en el procedimiento de selección de los principios constitucionales por los que el mismo se debe regir”. A sentenza ofrece a posibilidade de recurso de apelación diante da Audiencia Provincial de Ourense.

Filtración da sentenza

Con todo, dende a CIG entenden aínda que a decisión xudicial sexa recorrida por parte do condenado “o que é indiscutíbel, por unha banda, é que o ex partido do alcalde -que hai tempo que abandonou a Antonio Pérez Rodríguez á súa sorte- probabelmente xa teña decidida quen vai ser a súa sucesora/or e, por outra, que o rexedor condenado, sendo o autor penalmente responsábel do delito, non é o único, nin o máis importante, gobernante do PP que incorre neste tipo de comportamentos nas Administracións públicas”.

Neste senso, lembran que propio Pérez Rodríguez declarou durante o xuízo oral que el fixo durante a súa etapa de alcalde o que ollou que fixeran outros/as e o que constatou que facían algúns/has. Finalmente, dende a central critican o “sorprendente” feito de que o resultado da resolución fora filtrado no día de onte a algúns medios de comunicación, cando a sentenza leva data do día de hoxe, 1 de marzo de 2018. “O que significa que algúns medios dispuñan da sentenza antes de que esta fora ditada”.

Volver