Desestimada a demanda da CIG contra a redución de xornada en Citroën ao entender que é voluntaria

A central recorrerá a sentenza porque na práctica trátase dun acordo imposto que vulnera a conciliación

Vigo -

O Xulgado do Social número 1 de Vigo vén de desestimar a demanda presentada pola CIG contra o Acordo sobre os criterios de redución de xornada pactado entre Citroën e a maioría do comité de empresa (SIT-FSI, UGT e CCOO) ao entender que se trata dunha opción voluntaria que o persoal da empresa ten a maiores da normativa legal. Dende a central xa anunciaron que recorrerán a sentenza xa que na práctica trátase dun sistema de redución de xornada imposto que vulnera o dereito á conciliación da vida laboral e familiar.

O pasado 16 de xullo tivo lugar o xuízo no que a sección sindical da CIG en Citroën solicitaba a impugnación de varias cláusulas do texto. Aínda que dende a empresa e os sindicatos asinantes pretenderon opoñerse á tramitación da demanda alegando que estaba prescrita e ao considerar que era preciso acudir previamente á Comisión paritaria, o xuíz decidiu estimala. 

O que o xuíz non ten en conta é que este sistema, na práctica, anula o dereito á redución de xornada segundo establece o ET porque non respecta o carácter voluntario nin supón unha opción máis para o persoal

Pero onte o Xulgado fixo pública a sentenza na que se desestima as reclamacións da CIG a respecto do Acordo baixo o argumento de que é de carácter voluntario. “O que o xuíz non ten en conta é que este sistema, na práctica, anula o dereito á redución de xornada segundo se establece no Estatuto dos Traballadores/as, é dicir, que non respecta a voluntariedade que recolle a norma nin supón unha opción máis para o persoal da empresa, senón que é son as únicas normas que se lle aplican ao persoal que solicita unha redución de xornada”, indica a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral.

Na central entenden, por tanto, que a resolución xudicial vén a darlles a razón nas súas pretensións, “xa que a propia sentenza recolle que este tipo de acordos -no caso de impoñerse- serían ilegais, desestimando a impugnación por non ter en conta a realidade de aplicación do acordo en Citroën”. Por este motivo, a CIG presentará recurso, e continuará coas mobilizacións para lograr que se garantan os dereitos de conciliación.

Campaña contra as discriminacións

Esta demanda inscríbese no marco da campaña contra as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo iniciada pola Secretaría das Mulleres da CIG o pasado 11 de xullo cunha concentración ás portas da empresa da automoción en Vigo para denunciar a aplicación dun sistema de organización que, baixo o pretexto de dar resposta ás solicitudes de redución de xornada por coidado, supoñía unha vulneración do dereito á conciliación e do propio dereito a redución de xornada para o coidado de fillos e fillas.

Con este acordo, Citroën non só obriga ao seu persoal a acollerse a unha redución de xornada, coa merma salarial que isto supón, para poder conciliar, imposibilitando unha concreción da xornada laboral flexíbel, senón que impide o dereito das traballadoras e traballadores a poder decidir a concreción horaria da súa xornada. A empresa defendía a proposta xustificando que así estandariza as solucións, obviando as diferentes circunstancias familiares do persoal do taller.

“Estamos ante un sistema de organización do traballo que non ten en conta ás persoas. É un sistema que só se axusta á produtividade. A organización do traballo está elaborada concibindo ás traballadoras e traballadores da empresa como máquinas ao servizo da multinacional nas horas que permanecen no centro”, denuncia Corral.

En base a esta concepción, a empresa, coa colaboración dos sindicatos asinantes do acordo, impón un sistema que unicamente intenta negar a posibilidade de conciliar do seu cadro de persoal, limitando os xa insuficientes dereitos de conciliación que aparecen no Estatuto dos Traballadores/as, recollidos dun xeito ambiguo, xa que aparecen recoñecidos como un dereito do persoal, mais remiten á negociación colectiva a súa concreción, feito que as empresas acostuman a utilizar para denegalo ou reducilo á mínima expresión.

Reducir para conciliar

Á hora da verdade, delégase na negociación colectiva ou en acordos individuais, calquera posibilidade de medidas que faciliten realmente a conciliación da vida persoal, familiar e laboral sen perdas retributivas, tales como a adscrición a quendas únicas ou reordenación de horarios. Na realidade atopámonos con que as persoas que queren ou necesitan conciliar, fican obrigadas a reducir o seu tempo de traballo e, por tanto, os seus ingresos, co fin de estabelecer un horario que compaxina as necesidades de coidado familiares e o tempo de traballo.

Citroën, neste caso, vai un paso por diante, impoñendo un sistema horario pechado, negando a posibilidade de decidir a porcentaxe de redución, limitando o dereito a redución de xornada, de maneira que as persoas que a solicitan non podan decidir nin o tempo que precisan reducir, nin o horario que realizan, nin a duración da redución, pese a que o artigo 37.7 do ET di claramente que <<a concreción horaria e a determinación do período de goce correspóndelle ao traballador ou traballadora>>.

“Por iso fixemos público o noso rexeitamento a este tipo de condutas. Denunciamos a hipocrisía da empresa, inmersa en longas negociacións de plans de igualdade, de medidas dirixidas a acadar a conciliación do seu persoal, ou de protocolos de acoso, que na práctica son unha cortina de fume, xa que paralelamente poñen trabas continuas no ámbito laboral ao exercicio dos nosos dereitos”, remata.

Volver