O Xulgado anula os despidos en Transegre por vulnerar o dereito de liberdade sindical

A firma pontevedresa ten que readmitir os dous afiliados da CIG que botara tras anunciar a súa candidatura ás eleccións sindicais

Pontevedra -

O Xulgado do Social número 1 de Pontevedra vén de declarar a nulidade dos despidos dos dous traballadores de Transegre -do grupo Avícola de Galicia- que facían parte da candidatura da CIG ás eleccións sindicais ao entender que a empresa vulnerou o dereito de liberdade sindical. A sentenza, contra a que cabe recurso diante do TSXG, establece a readmisión inmediata dos afectados e fixa unha indemización compensatoria.

A resolución xudicial foi presentada hoxe en rolda de prensa por Xabier Aboi, da FGAMT-CIG, e por un dos traballadores despedidos. Na comparecencia diante dos medios valoraron moi positivamente a decisión e salientaron a contundencia con que a xuíza argumenta a nulidade dos despidos e censura o xeito de proceder da dirección de Transegre. A maxistrada entende que os indicios presentados pola central son <<moi claros>> e <<están profusamente acreditados>>. 

A xuíza dá por probado que o encargado da empresa indagou sobre a afiliación sindical do persoal

Así, na sentenza sostén que Transegre sabía que a CIG presentara o preaviso electoral e ía concorrer ao proceso cunha candidatura propia e dá por probado que o encargado da empresa (que posteriormente se presentou ás eleccións sindicais) entrevistouse cos traballadores/as para indagar sobre a súa afiliación sindical. <<Isto permitiulle coñecer quenes eran os candidatos da central que efectuou o preaviso, que foron despedidos de xeito inmediato>>, segundo asegura a xuíza.

Ademais, sinala que Transegre lle denegou o censo electoral ao sindicato e impediu que os seus responsábeis accedesen ao recinto da empresa o día das eleccións, <<de maneira que non puideron nin presentar a candidatura, situación que non puido ser solventada nin coa intervención policial nin da Inspección de Traballo>>. Todos estes feitos foron recoñecidos mesmo polas testemuñas achegadas pola empresa durante o xuízo.

Despidos sen xustificación

En canto aos despedimentos, a maxistrada establece que <<non teñen ningunha xustificación razonábel>>, algo que recoñece a propia empresa ao aceptar a súa improcedencia. <<Por se non fose suficiente, o propio encargado recoñece que os dous traballadores afectados non fixeran nada e que o seu traballo era igual ao do resto de compañeiros/as>>.

Por todo isto, a sentenza establece que resulta evidente que a única causa que motivou os despidos foi a afiliación sindical dos empregados e a promoción das eleccións nas que se ían presentar como candidatos. <<A actuación da empresa foi dirixida a evitar que no proceso se producise un resultado que consideraba pouco favorábel para os seus intereses, con vulneración do dereito de liberdade sindical>>.

Deste xeito, o fallo -contra o que cabe recurso de suplicación diante do TSXG- decreta a nulidade dos despidos e condena a empresa á inmediata readimisión dos dous traballadores e ao abono dos soldos que deixaron de percibir nestes cinco meses. Ao mesmo tempo, fixa unha indemnización por danos e prexuízos por importe de dúas mensualidades do salario.

Denuncia polo Penal

Xabier Aboi aproveitou a rolda de prensa para anunciar que está previsto que o Xulgado chame proximamente a declarar os responsábeis da empresa pola denuncia penal presentada pola CIG en agosto por vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical e lembrou que os representantes da central xa compareceron no mes de novembro.

Os responsábeis de Transegre deberán declarar agora no marco do xuízo penal

Aboi tamén se referiu ao auto da Inspección de Traballo que establece unha sanción de 30.000 euros para Transegre por unha infracción moi grave ao transgredir os deberes materiais de colaboración cos representantes dos traballadores/as que impoñen ao empresario as normas reguladoras dos procesos eleitorais. “Agardamos que o expediente non se perda e que a Xunta proceda a cobrar de inmediato, porque do contrario acudiremos de novo aos tribunais”, comentou.

Por último, asegurou que se a empresa non quere seguir engordando o conflito laboral “o único que ten que facer é deixar de presentar recursos contra as decisións xudicais, asumir as responsabilidades derivadas dos despedimentos nulos e garantir a celebración dunhas eleccións sindicais limpas”. Precisamente este último punto será obxecto do xuízo previsto para o mes de xaneiro, despois de que Transegre recorrese a sentenza desfavorábel da primeira sesión.

 

Volver