O xulgado declara nulo o despedimento do candidato da CIG en REFESA por entender que se trata dunha represalia

A CIG de Ferrol adiante que vai denunciar pola vía penal a empresa “por un delito contra un dereito fundamental como é a liberdade sindical”
A Coruña - 10 Xun 2016
Remolcadores de Ferrol SA (REFESA) terá que readmitir ao traballador despedido logo de se presentar na candidatura da CIG ás eleccións sindicais. Así o ditaminou o xulgado do Social 2, quen ao igual que a Fiscalía, considera probado que houbo acoso sindical contra este compañeiro polo feito de se presentar como delegado pola central nacionalista.

A Unión Comarcal da CIG de Ferrol celebra a resolución xudicial que declara nulo o despedimento do traballador (que saíu elixido representante sindical aínda que a empresa intentou excluílo do censo das eleccións), condenando a REFESA a abonar os salarios de tramitación.

Na sentenza, ademais, sublíñase que non existen razóns para proceder ao despedimento, pois a empresa nin sequera aclarou en que consistiu a infracción cometida polo traballador e alegada pola compañía para xustificar a medida disciplinaria. Neste senso, a xuíza asevera que “o despedimento presente se produciu como represalia pola actividade sindical que ía desenvolver o actor”. 

Así, entende probada a relación directa entre a celebración da asemblea de persoal na que se acordou apoiar unha candidatura da central nacionalista encabezada por este compañeiro e o seu despedimento catro días despois. Cómpre lembrar que esta era a primeira vez que a CIG conseguía presentar candidatura en REFESA, onde até agora a representación social recaía na UGT.

A este respecto, destaca a sentenza en que non é posíbel que “nunha empresa tan pequena” o director descoñecese a celebración e os acordos da asemblea, tal e como se pretendeu argumentar dende a empresa.

REFESA pertence ao grupo BERGE con sede en Madrid e con remolcadores nos portos máis importantes do norte e do nordés do Estado español. Entre outros servizos, esta compañía é a encargada de remolcar os gaseiros que entran na planta de Reganosa.

Denuncia pola vía penal

Dende a CIG de Ferrol apuntan que a demanda contra a empresa non remata no Xulgado do Social, “xa que denunciamos por vía penal os dirixentes da mesma por delito contra un dereito fundamental como é a liberdade sindical”.

Así mesmo, animan a todos os traballadores e traballadoras a presentarse nas empresas “da man da CIG e así combater a precariedade nas mesmas”.