O Xulgado anula o acordo da Xunta de Goberno de Lugo que permitía a realización ilimitada de horas extra

A sentenza, a raíz dun recurso da CIG, establece que é unha competencia do Pleno municipal

Lugo -

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo vén de anular o acordo da Xunta de Goberno Local polo que se suprimiu a limitación para a realización de horas extraordinarias por parte do persoal funcionario e se aumentaba substancialmente o valor das mesmas. A CIG presentara recurso contra a decisión do Goberno, por entender que a competencia para modificar o regulamento interno de persoal corresponde ao Pleno Municipal e non á Xunta de Goberno, tal e como agora vén de ratificar a xustiza.

A orixe desta sentenza haina que buscar no acordo adoptado na Mesa de Negociación celebrada o 7 de marzo de 2016, pola cal se modificaban os artigos 20 e 21 do regulamento interno do persoal funcionario do Concello. A CIG non asinou ese acordo por entender que, na práctica, só serviría para converter en habitual o exceso de xornada e incrementar as retribucións de determinado persoal pola prestación de servizos extraordinarios, pero non para atallar as necesidades estruturais de persoal nos diferentes departamentos.

Pero ademais, a CIG denunciou que se estaba a dar un desequilibrio evidente no traballo extra (e tamén os complementos abonados en concepto de produtividade) que se permite realizar entre os diferentes servizos do Concello. "Hai que ter en conta que hai moitos servizos nesta administración que teñen sobrecarga de traballo á que non se pode facer fronte e nos que nin se permite a contratación de novo persoal, nin se están a realizar tales servizos extraordinarios, nin horas á maiores retribuídas en concepto de produtividade", explican dende a sección sindical da CIG no Concello.

Decisión contraria ao ordenamento xurídico

En setembro de 2017, a Xunta de Goberno Local validou e aprobou os acordos adoptados na Mesa de Negociación, facendo efectiva a eliminación da limitación das horas extraordinarias anuais que pode realizar o persoal funcionario (estabelecidas nun máximo de 70 ao ano), e incrementando o valor das mesmas entre un 40% e un 100%. Ademais, a Xunta de Goberno solicitaba ao Pleno unha modificación do crédito orzamentario de 150.000 euros para poder afrontar os posíbeis gastos polos servizos extraordinarios. 

A CIG decidiu entón presentar recurso contencioso-administrativo contra o acordo da Xunta de Goberno Local, xa que as modificacións substanciais nas condicións de traballo do persoal son competencia exclusiva do Pleno Municipal.  Agora a xustiza recoñece a nulidade da  decisión do Goberno por ser contraria ao ordenamento xurídico.

Incremento de persoal e non de horas extra

Dende a sección sindical da CIG agardan que esta sentenza sirva de exemplo para o Goberno municipal e as centrais sindicais que asinaron o acordo na Mesa de Negociación e que se proceda a cubrir as necesidades dos diferentes servizos incrementando o número de traballadores e traballadoras e non promovendo a realización de horas extraordinarias de maneira arbitraria e só para determinados departamentos.

"As horas prestadas como servizos extraordinarios (agás servizos especiais) son de prestación voluntaria, cobren un exceso de traballo puntual, non habitual, e, polo tanto, non poden converterse nunha opción para incrementar as retribucións mensuais do persoal", asevera a sección sindical.

A este respecto, a central sindical defende, en todo caso, un incremento máximo de servizos extraordinarios até as 80 horas anuais, como se contempla no vixente ET para o persoal laboral. A CIG si é favorábel á supresión do límite mensual de horas extras, "xa que a práctica demostra que en determinados servizos do Concello (naqueles nos que os servizos extraordinarios teñen realmente tal carácter), o número de horas adoita a concentrarse en períodos moi concretos do ano".

Volver