O xulgado abre dilixencias previas por un posíbel delito de prevaricación nas comisións de servizo do Concello da Coruña

A Coruña - 30 Nov 2023

A sección sindical da CIG compareceu este xoves en rolda de prensa para avaliar a incoación de dilixencias previas de investigación por un posíbel delito de prevaricación administrativa no nomeamento das comisión de servizos no Concello da Coruña. O Xulgado de Instrución número 6 da cidade inicia estas actuacións a raíz da denuncia presentada pola CIG na Fiscalía en maio pasado en resposta ás actuacións do Goberno municipal na provisión de postos mediante este sistema.

A sección sindical da CIG leva dende o ano 2016 loitando contra o uso abusivo, discrecional e arbitrario das comisión de servizo no Concello da Coruña, pois nin estaban xustificadas, nin cumprían a legalidade de información e na maioría dos casos excedían ademais o prazo máximo legal de dous anos. "É unha loita que estamos levando en soidade, xa que até onde nós coñecemos, ningunha outra central sindical a está librando, e é unha loita que non está exenta de represión sindical", valoraron Cristina Díaz, responsábel do sector da Administración Local na Coruña, e Ana Filgueiras, secretaria da sección sindical no Concello. Na comparecencia tamén estivo presente o secretario da CIG-Administración da Coruña, Fran Pérez.

Díaz lembrou que no ano 2018, a Fiscalía arquivou unha denuncia anterior da CIG ao entender que as irregularidades detectadas se resolverían coa execución da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo que deu a razón á sección sindical e ordenaba o cese inmediato das 150 comisións de servizo denunciadas naquela altura (que na actualidade se estiman nas 250). Esta sentenza ratificada polo TSXG foi marzo de 2019, mais supedita o carácter inmediato da execución á dilixencia do Concello na resolución do concurso ordinario.

"A solución a esta situación era sinxela e xusta, só había que executar a sentenza", aseveraron. Pero en lugar disto, a política de xestión posta en práctica polo concelleiro de Persoal, Manuel Lage Tuñas, dende a súa chegada ao Goberno (malia comezar a anterior lexislatura cunha sentenza ditada e un concurso específico xa en marcha) afondou no problema, "facendo un uso abusivo e desmedido deste sistema de provisión, fóra de todo límite da discrecionalidade e da arbitrariedade e que supera, con creces, o coñecido até este momento. É unha actuación ao noso entender de mala fe", criticaron as delegadas.

Ante a gravidade dos feitos, e tras varias sentenzas favorábeis, a sección sindical da CIG decide informar o Ministerio Fiscal "e que sexa dende alí dende onde valoren a posibilidade de delito". Dende a presentación da denuncia o 11 maio de 2023, a CIG fixo cinco achegas de información á Fiscalía, a última o pasado 17 de outubro.

Neste senso, Díaz indicou que despois de que os medios de comunicación se fixeran eco da iniciativa da CIG, "funcionarios e funcionarias municipais puxéronse en contacto con nós para contar situacións relacionadas ca provisión de distintos postos e vinculacións cos mesmos, que ao noso entender poderían ser tamén constitutivas de delito, e que deron lugar a un novo documento do que se fixo achega ao Fiscal Xefe en xuño, coincidindo coa data fixada para a ratificación da denuncia".

Incidiron en que o Goberno do PSOE tivo unha lexislatura para ordenar todo o relativo á provisión de postos, "pero o que fixeron foi agudizar o problema e negarse sistematicamente a executar a sentenza de 2018. Isto tivo como consecuencia a falta de carreira profesional e a xeración dun mal ambiente laboral entre os compañeiros e compañeiras que foron agraciadas cunha comisión e quen non o foi". Subliñaron que o Concello da Coruña converteu un sistema temporal e de urxencia como é a cobertura mediante comisión de servizos, "no sistema ordinario de provisión de postos".

Falta de información

As representantes da CIG destacaron o esforzo e as dificultades que atoparon para denunciar as irregularidades a causa da falta de información. Grazas a dúas novas sentenzas que a central nacionalista gañou en novembro de 2020, conseguiuse que o Concello da Coruña tivera que facer publicas as motivacións tanto da urxencia e da necesidade dos postos que convoca para a súa cobertura temporal mediante comisión de servizo, coma das valoracións das persoas candidatos.

"É a partir deste momento, a través da análise dos informes retorcidos e en moitas ocasións, repletos de falsidades, que se emiten por parte de persoal funcionario para xustificar o inxustificábel,  cando comezamos a confirmar a estrutura, presuntamente delituosa, que Lage Tuñas foi quen de artellar no Concello da Coruña na xestión do persoal, e como consecuencia, dos servizos públicos desta cidade".

Agora o xulgado de instrución deberá determinar se existe infracción penal. Neste punto, a sección sindical trasladou a total disposición a colaborar coa xustiza "en todo o que sexa preciso para esclarecer esta situación".