O VI Congreso da FGAMT-CIG elixe a Suso García como novo secretario nacional

No proceso celebrado este sábado en Compostela renovouse a Executiva Federal e marcáronse as liñas de acción sindical para os vindeiros anos
Nacional - 25 Out 2025

O VI Congreso da Federación Galega de Alimentación, Mar Transporte e Telecomunicacións (FGAMT) da CIG elixiu este sábado a Suso García Couso como novo secretario nacional por unanimidade con 88 votos a favor. No proceso, celebrado no edificio Cersia de Santiago de Compostela baixo o lema ‘A forza da nosa clase. Traballo, soberanía e dereitos’ e no que participaron arredor de 100 persoas, tamén se renovou a Executiva Federal e aprobáronse o Informe de Xestión e o Relatorio de Organización, no que se marcan as principais liñas que guiarán a acción sindical da federación nos vindeiros catro anos.

Executiva Federal e Consello Confederal

A Executiva Federal, á que concorreu unha única lista como no caso da Secretaría Nacional, sumou 88 apoios favor, e queda conformada deste xeito:

  • Suso García Couso.

  • Mar Vila López.

  • Inacio Pavón Barbagelata.

  • Laura Díaz Pena.

  • David Couñago Mouriño.

  • Dores Martínez Castelo.

  • Jorge Meira Pérez.

Para o Consello Confederal resultaron elixidas as seguintes persoas, por 87 votos a favor e 1 en branco:

  • Suso García Couso.

  • Mar Vila López.

  • Xabier Rodríguez Veiga.

  • Carmen Dono Vieites.

  • Rubén Requeixo Ribeira.

  • Rebeca Mariño Posada.

A formación, ferramenta para un sindicalismo eficaz

No acto de clausura tomou a palabra o novo secretario nacional, que substitúe no cargo a Dores Martínez, a persoa que dirixiu a FGAMT nos últimos 12 anos, e para quen tivo palabras de recoñecemento e de quen valorou o seu traballo e compromiso á fronte da federación durante tres mandatos, labor que seguirá a desenvolver tanto como membro da Executiva Confederal como da Executiva da FGAMT "coa mesma eficacia, forza e determinación".

A continuación salientou o feito de que a FGAMT siga a medrar en afiliación e en representación, até o punto de terse convertida xa, ao igual que a CIG, na primeira forza sindical no conxunto do país. E fixo especial fincapé na necesidade de afondar na formación político sindical das persoas delegadas e as liberadas para afrontar cas máximas garantías o traballo sindical e os distintos conflitos laborais e sociais.

“A formación é fundamental para afrontar nas mellores condicións o moito traballo sindical que temos no día a día das empresas e nos distintos procesos de negociación nos que participamos (convenios, plans de igualdade, de saúde laboral, ERTES, ERE, etc.); porque é necesario contar con ferramentas, non só técnicas, á hora de exercer a representación sindical e de levar adiante os procesos de negociación nos centros de traballo para poder facelo de xeito máis eficaz e sempre en coordinación coa federación”, detallou.

Neste senso, lembrou que nestes momentos a FGAMT ten en marcha negociacións nos convenios sectoriais da conserva, elaborados do mar, industrias lácteas, ambulancias, transporte de persoas viaxeiras de Pontevedra e da Coruña e transporte de mercadorías da Coruña. “E en convenios de empresa importantes como o de Pescanova, grupo empresarial que para reducir a presenza da CIG na negociación co obxectivo de aplicar recortes e ocultar así a súa mala xestión decidiu facer un convenio de empresa a nivel estatal”.

E entre outros retos que a federación ten por diante citou os sectores de telecomunicacións, téxtil e mar, “cada vez máis con menos presenza no noso país”, e transporte, “coa loita polo dereito a que se lle recoñeza a aplicación dos coeficientes redutores que permitan adiantar a idade de xubilación”.

Finalmente, chamou seguir sendo referentes na loita pola igualdade real entre homes e mulleres, pola consecución dun Marco Galego de Relacións Laborais “e en todas as causas xustas nas que temos que dar resposta dende o noso país”, entre as que enumerou a oposición a Altri e á mina de Touro, as mobilizacións contra os lumes forestais “e nestes escuros momentos a loita pola liberación do pobo palestino”.

Paulo Carril: “Sen conflito non hai paraíso”

Pola súa banda, o secretario nacional da CIG, Paulo Carril, reiterou durante a súa intervención ao inicio do Congreso unha idea que xa expresara no IX Congreso da CIG celebrado o pasado mes de maio: “Sen conflito non hai paraíso”. Unha frase feita que sintetiza a importancia que o modelo sindical da CIG lle outorga á loita e á mobilización “para conquistar dereitos e políticas alternativas ante os gobernos e a patronal”.

Para isto é fundamental avanzar nun reforzamento organizativo baseado nun permanente compromiso militante, superando funcionamentos burocratizados e garantindo o protagonismo da clase obreira. “A participación e a democracia son elementos que debemos fomentar se queremos seguir medrando e sermos quen de transformar a realidade".

Primeira forza e medre da afiliación

Durante a xornada debateuse o Informe de Xestión da Executiva saínte, que foi aprobado con 93 votos a favor. O documento pon en valor o cumprimento dos principais obxectivos fixados no anterior Congreso, como avanzar en organización, reforzar a federación, incrementar a afiliación e a representatividade nas diferentes empresas e sectores “e convertérmonos nun referente de loita pola igualdade real entre homes e mulleres traballadoras”.

De feito, neste período pasouse das 8.943 persoas afiliadas no ano 2020 ás 10.353 a decembro do 2024, o que sitúa a taxa de crecemento da afiliación preto do 16%. O incremento do número de persoas delegadas neste período tamén foi importante, “pasando de ser a segunda forza a nivel galego a convertérmonos en primeira forza ao remate do período de eleccións sindicais a 31 de decembro do 2023, obtendo o 31,64% da representatividade, fronte ao 28,45% de CCOO e ao 26,58% da UGT”.

Esta posición de forza fixo posíbel mediante a negociación colectiva “superamos e melloramos os acordos do diálogo social -sempre prexudiciais para a clase traballadora- trasladando ás mesas de negociación propostas de incrementos salariais moi superiores aos acordos de contención de suba salarial asinados neste marco e corrixindo os efectos das distintas contrarreformas laborais”. Así como limitando a contratación a través de ETT e a fixa descontinua que se disparou tras a reforma de 2021.

Entre os retos que se marcan para os vindeiros anos figura o avance na renovación de convenios que acumulan un elevado atraso, como o de panadarías e confeitarías de todas as provincias agás a de Pontevedra, o de transporte de mercadorías por estrada das provincias de Lugo e Ourense, o de transporte de viaxeiros ou o do sector vitivinícola da provincia de Pontevedra, no que a CIG é maioritaria.

Tamén se incide na necesidade de facerlle fronte á grave crise que vive o sector pesqueiro galego, que nos últimos anos está a atravesar “o peor momento da súa historia”. A baixura e o marisqueo, moi relevantes na vitalidade económica das vilas pesqueiras, atópanse nunha situación “agónica” con perdas nas capturas de máis do 50%. De igual xeito, a flote da altura galega está a ver reducida a súa capacidade á mínima expresión, con perda de milleiros de postos de traballo directos e indirectos consecuencia do desmantelamento do sector.

Relatorio de Organización

En canto ao Relatorio de Organización, que define as liñas de acción sindical para os vindeiros anos, saíu adiante tamén con 93 apoios O texto aposta por seguir a consolidar un proxecto sindical que a maioría da clase traballadora galega ve como “unha clara alternativa de loita obreira, de compromiso cos problemas das persoas traballadoras e afastada da realidade acomodada, entregada ao capital e submisa que practican as organizacións estatais”.

Polo que se apela á necesidade de defender, ampliar e consolidar entre as persoas traballadoras o modelo sindical que representa a CIG “para chamar á loita como único camiño para avanzarmos en dereitos laborais e convertérmonos en ferreiros dun mundo mellor, máis xusto e máis igualitario”. Uns valores de xustiza e igualdade que encarnan precisamente dúas das persoas que tiveron unha mención especial durante o Congreso, Xavier Aboi e Suso Pastoriza. “Dous compañeiros deses bos e xenerosos que cantamos no noso Himno”, en palabras do novo secretario nacional da FGAMT. Foron despedidos entre aplausos, o primeiro porque aínda que xa estaba xubilado comprometérase a seguir colaborando coa federación até este Congreso, e o segundo porque tivo que adiantar o seu retiro como consecuencia dun problema de saúde.