O TSXG recoñece a epicondilite como enfermidade profesional para as caixeiras de supermercado
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza favorábel a unha traballadora que presentou recurso a través da CIG contra Fraternidad Muprespa, Vego Supermercados SA, o INSS e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e recoñece a epicondilite (coñecida comunmente como cóbado de tenista) como enfermidade profesional das caixeiras dos supermercados.
Segundo explica Raquel López Reimúndez, delegada de prevención da CIG en Vego Supermercados (Eroski-Familia), esta doenza «é moi habitual no sector despois de moitos anos de movementos repetitivos e forzados nas caixas sen que as empresas tomen as medidas preventivas necesarias».
López resalta que, a pesar das continuadas queixas, Vego Supermercados non ten implantado ningún sistema de rotacións e descansos que reduza os riscos de desenvolver esta doenza e evite a frecuencia deste tipo de patoloxías.
Denuncia que a mutua «deriva por sistema estas baixas ao SERGAS e rexeita a evidencia de que son provocadas pola repetición de movementos prolongada no tempo no posto de traballo».
Discriminación por razón de sexo
No Día Mundial Saúde Laboral, a CIG-Servizos destaca que a sentenza identifica expresamente a discriminación por razón do xénero do cadro regulamentario de enfermidades profesionais, xa que só recoñece esa condición á epicondilite en ocupacións claramente masculinizadas (mecánicos, chapistas, caldereiros, albaneis...), non incluíndose no Real Decreto a categoría de caixeira.
A delegada de prevención en Vego Supermercados considera que se trata dunha sentenza de gran relevancia para o sector, composto case exclusivamente por mulleres “que acumulan doenzas derivadas do seu esforzo continuado e da ausencia de medidas preventivas, que ademais non son recoñecidas como derivadas do traballo polas mutuas”.
Por iso, co aval desta resolución xudicial, a CIG solicitaralle a todas a compañías do sector que recoñezan por sistema a epicondilite como enfermidade profesional e intentará estender este recoñecemento tamén a outras doenzas propias do traballo que se fai en caixa, tales como a patoloxía tendinosa do manguito rotador e o túnel carpiano. A central sindical tamén anima as traballadoras que padecen este tipo de doenzas, pero son tratadas como continxencias comúns, a reclamar os seus dereitos.
Mellora nas prestacións e obriga das aplicar medidas preventivas
Neste senso, a traballadora que presentou a demanda, Noelia Gerpe Meirás, salienta que con esta sentenza “se recoñece o que levamos denunciando desde hai anos na CIG: as traballadoras somos discriminadas até na enfermidade”.
Reitera que, ante o abandono da administración, “conseguimos demostrar na vía xudicial que as caixeiras tamén padecemos enfermidades profesionais”. Incide na importancia deste feito, pois implica que, a maiores da mellora económica nas prestacións, as empresas (neste caso, Eroski-Familia) deberán aplicar medidas preventivas eficaces para protexer a saúde das traballadoras”.