O TSXG ratifica a sentenza que anula o primeiro ERE presentado por Sargadelos

A resolución chega seis anos despois de que se executasen os despedimento

A sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza desestimou o recurso de apelación que interpuxeron hai xa dous anos a Xunta e as empresas do grupo Sargadelos, ratificando deste xeito a nulidade do ERE reclamada pola CIG. Dende a central espérase que a empresa "recapacite, emende a súa actitude e, en base á súa rotundidade, acate estas sentenzas, adoptando unha postura de responsabilidade que permita a oito compañeiros e compañeiras, vítimas dunha inxusta decisión, recuperar o que en xustiza lles corresponde".

A CIG presentou en solitario alegacións diante da Consellería de Traballo contra o ERE de 2010

 Para analizar esta sentenza hai que remontarse ao ano 2010, concretamente ao mes de agosto, explica o secretario da Unión Local da Mariña, Xorxe Caldeiro. Nese mes, a fábrica de Cerámica de Sargadelos convoca ao Comité de empresa para negociar un ERE de extinción de contratos, o primeiro, que afectaría a 34 traballadoras/es. A negociación finaliza sen acordo entre as partes e coa proposta final da dirección de despedir a 26 empregadas/os.

A CIG presenta en solitario alegacións diante da Consellería de Traballo, xa que as demais centrais sindicais non o fixeron, a pesar de seren maioritarias no Comité e de comprometérense a presentar alegacións.

O ERE non podía ser autorizado pola Xunta

Mentres dende a CIG se apuraban os procedementos da vía administrativa, a Dirección da empresa decide executar parcialmente o ERE co despedimento de oito traballadores/as. Sucedéronse manifestacións, concentracións e todo tipo de actos solicitando a readmisión desas traballadoras e traballadores e a negociación doutro tipo de medidas.

Ante a cerrazón da dirección, a central nacionalista presentou un contencioso administrativo que foi resolto en novembro de 2014, recoñecéndose en sentenza que na negociación do ERE a dirección da empresa non achegara, como sería preceptivo, a documentación do resto de empresas do grupo de Sargadelos e que a selección do persoal afectado polo ERE fixérase sen “criterios efectivos”, motivos polos que a Consellería de Traballo non debera telo aprobado e, en consecuencia, declárase a nulidade do ERE.

Nesa sentenza, que vén de ser ratificada polo TSXG, recóllese tamén, “o dereito das (oito) persoas traballadoras afectadas á reincorporación nos seus postos de traballo, aboamento das cantidades deixadas de percibiren concepto de salarios dende as extincións dos seus contratos, así como a retroacción da alta co aboamento das cotas correspondentes na Seguridade Social”.

O TSXG ratifica na súa integridade a sentenza apelada e mantén os dereitos dos traballadores/as recollidos na mesma

 A Dirección de Sargadelos decidiu non executar esta sentenza e, ao igual que a Xunta de Galiza, interpón recurso de apelación diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza solicitando que se declare axustado a dereito a resolución da Dirección Xeral de RR.LL. pola que se autorizara o ERE e polo tanto, os despedimentos posteriores.

Seis anos de agonía

Dous anos despois da presentación dese recurso (e seis despois dos despedimentos) recíbese a resolución do TSXG que desestima as pretensións da Xunta e máis do Grupo Sargadelos ratificando na súa integridade a sentenza apelada e mantendo os dereitos dos traballadores/as recollidos na mesma.

Neste senso, Caldeiro apunta que na reunión mantida con estas oito persoas para darlles traslado de sentenza, se puido constatar a satisfacción anímica que lles supón ver que un novo tribunal recoñece a nulidade dos seus despedimentos, "un novo respaldo moral" a unhas persoas que, tras dedicarlle toda a súa vida laboral á empresa, foron despedidos cunha inusitada frialdade e cunhas formas máis que cuestionábeis.

"Unha sentenza que pode ter pouca transcendencia práctica para vida diaria da maioría, pois xa están xubilados/as, pero devólvelles parte da ilusión perdida durante estes seis anos de agonía".

A táctica da empresa "non fai máis que atrasar a resolución"

Aínda que cabe a interposición de recurso de casación, dende a CIG espérase que a empresa recapacite, emende a súa actitude e, en base á súa rotundidade, "acate estas sentenzas, adoptando unha postura de responsabilidade e dignidade acorde co prestixio da súa marca que lles permita a estes oito compañeiros e compañeiras, vítimas dunha inxusta decisión, recuperar o que en xustiza lles corresponde".

Neste senso, Caldeiro denuncia que "a táctica seguida até o momento pola empresa de botar balóns fóra non fai máis que atrasar a resolución deste asunto, aumentando as consecuencias negativas para ambas partes".

Volver