O TSXG ratifica a condena ao Sergas por dano moral a un traballador do hospital comarcal do Salnés

O departamento autonómico non lle renovou o contrato para impedir que gozase do permiso de paternidade

Pontevedra/Salnés -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de ratificar a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que condena o Sergas a pagarlle 3000 euros a un traballador do hospital do Salnés por dano moral, ademais de ter que aboarlle 12 días de salario pola prórroga non concedida e as cotizacións á Seguridade Social dese período. Os feitos remóntanse ao 16 de xaneiro de 2016, cando o traballador lle solicitou á dirección de recursos humanos o permiso por paternidade (a Lei concede 29 días naturais), tras o que non lle foi renovado o contrato.

Dende a CIG-Saúde de Pontevedra lembran que o traballador fora contratado por “acumulo de tarefas” dende o 17 de agosto de 2015 até o 31 de agosto e despois prorrogado mes a mes até o 31 de xaneiro de 2016, “data en que a dirección da EOXI de Pontevedra e do Salnés deu por cancelada a prórroga, faltando 12 días para cumprir os 180 días (12 de febreiro de 2016), que é o período máximo nun ano nesta modalidade de contrato”.

Para o TSXG quedou demostrado que houbo vulneración de dereitos fundamentais e que a non renovación do contrato tiña como obxectivo evitar que o traballador puidera gozar do permiso de paternidade polo tempo que lle tería correspondido. “Tamén quedou probado que o Sergas contratou a 13 persoas para os 12 días, e que mesmo chegou a contratar durante seis días ao traballador ao que lle denegou o permiso”, explican.

Discriminación directa e indirecta

Ademais, a sentenza recolle que houbo discriminación directa do empregado con respecto ao resto dos compañeiros/as eventuais e ao persoal fixo, “e discriminación indirecta por razóns de sexo”. Polo tanto, para a CIG-Saúde esta sentenza pon ao descuberto “a mala praxe” da Xerencia da EOXI de Pontevedra-Salnés na xestión dos recursos humanos e “o abuso de prácticas lesivas para os intereses dos traballadores/as” como a denegación sistemática de permisos, cobertura de prazas estruturais con contratos en precario, xudicialización das relacións laborais “e sobre todo falta de diálogo cos profesionais e cos representantes dos traballadores/as”.

Finalmente, consideran que “é moi significativo” que esta Xerencia acumule varias sentenzas condenatorias “por vulnerar dereitos fundamentais dos traballadores/as” e sinalan que “de todo isto hai responsábeis que deberan de tomar nota”.

Volver