O TSXG obriga a Seaga a ampliar o contrato dos traballadores/as das brigadas contraincendios

A decisión, que afectará a uns 500 empregados/as, foi adoptada tras a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG

Vigo -

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de condenar a Empresa Pública de Servizos Agrarios (Seaga) a estender o período de contratación de todos os traballadores/as fixos/as descontinuos/as á duración completa das campañas de perigo alto, o que implicará un aumento de 35 días a cada empregado/a. A decisión, que afectará a uns 500 empregados/as das brigadas de extinción de incendios forestais de todo o país, foi adoptada tras a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG.

A sentenza emitida pola Sala do Social do TSXG o pasado 14 de xuño, que chega tras a demanda de conflito colectivo interposta pola CIG contra Seaga, estima en parte a as reclamacións da central ao recoñecer o dereito de todos/as os traballadores/as desta empresa pública a seren contratados/as dende o comezo da execución da encomenda de xestión realizada pola Xunta a Seaga e até o remate da mesma.

Dende a central salientan a gran repercusión que esta resolución xudicial vai ter tanto dende a prespectiva do servizo de loita contra os lumes forestais como dende a prespectiva laboral, “ao afectarlle aos 500 traballadores/as que ten Seaga en todo o país”.

Como exemplo do que suporá para as relacións laborais do persoal indefinido descontinuo de Seaga sinalan, como referencia, o que aconteceu durante o ano 2015:

a) Data de inicio da execución da encomenda de xestión: 26/06/2015

Data da maioría dos chamamentos ao traballo: 15/07/2015

b) Data de remate da execución da encomenda de xestión: 31/10/2015

Data de remate da maioría dos contratos de traballo: 15/10/2015

Isto significa que a empresa pública adiou o ano pasadp os chamamento do persoal durante 20 días e adiantou o remate dos contratos en 15 días. Polo tanto, Seaga privou do dereito a traballar e a cotizar aos máis de 500 operarios/as da empresa un total de 35 días, cuxos atrasos terá que satisfacer tras a publicación da citada sentenza.

“Alén da satisfacción que produce esta sentenza, cómpre poñer de manifesto a nefasta xestión dos servizos públicos que realiza o actual goberno do PP, xa que non é de recibo que unha empresa pública como é Seaga, cuxo presidente é o conselleiro do Medio Rural, piratee os dereitos dos traballadores/as obrigándonos a acudir á Xustiza ante a súa negativa a dialogar e a cumprir coas obrigas laborais, máis aínda nunha actividade tan sensíbel como a extinción de incendios forestais.”, critican.

Finalmente, adiantan que durante os próximos meses a CIG interporá centos de reclamacións para que se lles abonen aos traballadores/as os 35 días dos que foron privados/as en 2015. Ademais, denunciarán perante a Inspección de Traballo para que se levante acta de infracción en materia de dereitos laborais e se lle obrigue á empresa a cotizar o período concedido polo TSXG.

Volver