Unha sentenza do TSXG limita a discrecionalidade de Educación na oferta de vacantes do CXT

O fallo do alto tribunal galego dálle a razón á CIG-Ensino
Nacional - 11 Xan 2018

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de darlle a razón á CIG-Ensino ao limitar a discrecionalidade da Consellaría de Educación  na oferta de vacantes dos concursos de traslados. O alto tribunal falla así a favor dunha docente, defendida pola central sindical, na demanda contra a retirada dunha vacante da adxudicación provisional.

Para a CIG-Ensino o contido da sentenza  debe supoñer “un antes e un despois” na discrecionalidade coa que a Consellaría viña actuando nestes últimos anos na oferta de vacantes do Concurso Xeral de Traslados. O TSXG confirma unha sentenza previa dun xulgado do contencioso que xa recoñecera que a administración educativa galega ía moito máis alá das bases da convocatoria do concurso á hora de poder facer cambios entre a adxudicación provisional e a definitiva.

Neste caso concreto, a Consellaría retirara da adxudicación definitiva do CXT do ano 2016 unha vacante do corpo de PES, previamente adxudicada na resolución provisional. Os servizos xurídicos da CIG, en representación da persoa a quen lle fora adxudicada, demandaron a Consellaría, ao entender que non existían motivos para eliminar esa praza, dado que no curso seguinte foi cuberta igualmente por un docente en expectativa e co mesmo horario que tería de cubrirse con destino definitivo.

A sentenza supón “unha chamada de atención” á Consellaría, que defendeu a retirada desa vacante por un informe técnico da Inspección Educativa e alegou que non existían horas suficientes no departamento para manter esa praza. Así, o TSXG indica que ese informe da Inspección só se requiriu unha vez que se reclamou e non antes e que non se sostén a inexistencia de horas.

“O que o TSXG confirma é que a Consellaría ten potestade para corrixir as vacantes provisionais, como cando se trata dun erro a súa publicación e adxudicación, mais que iso non supón que a administración poida operar por libre e sen xustificar convenientemente os seus actos”, apunta a Federación do Ensino.

A consecuencia da sentenza é a adxudicación definitiva da praza para a persoa demandante con efectos administrativos do concurso do ano 2016, evitando que esa praza se amortizase no CXT e seguise cuberta por profesorado en expectativa.

Un CXT con todas as vacantes reais

O alto índice de provisionalidade, que  a CIG-Ensino leva anos denunciando, está provocado pola propia Consellaría, “coa inestimábel colaboración da Inspección Educativa, como se puido apreciar na sentenza citada, e, todo hai que dicilo, dalgúns equipos directivos que axudan a manter bloqueadas moitas prazas nos seus centros”. Neste senso, apuntan á adxudicación de destinos provisionais destes últimos anos “para apreciar que hai determinados centros educativos cunhas porcentaxes inusitadas de profesorado provisional”.

Desde a CIG-Ensino esixen da Consellaría de Educación que remate con estes altos índices de inestabilidade previa a acadar un destino definitivo e incremente as vacantes anunciadas provisionalmente, previa negociación coas organización sindicais, “unha vez que de novo constatamos que as reunións nas Xefaturas Territoriais, especialmente na Coruña e Pontevedra non serviron de case nada”.