A CIG-Administración Pública da comarca de Ferrol valora positivamente a sentenza da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), do 17 de xuño de 2026, que desestima integramente o recurso de apelación interposto polo Concello de Cariño contra o auto que declarou non executada a sentenza firme que obrigaba a Administración local a convocar a mesa de negociación para a elaboración e aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal.
O TSXG confirma así o auto nº 14/2026 do Tribunal de Instancia de Ferrol, que declarou que o fallo da sentenza nº 172/2022 -firme desde febreiro de 2023- continúa sen ser cumprido de modo real e efectivo polo Concello de Cariño a pesar das resolucións xudiciais e das multas impostas á alcaldesa. “A actitude negociadora do Goberno local foi insuficiente e formalista, o que pode traer consecuencias graves tanto para a institución como para a súa máxima responsable”, sinala a CIG. Na central sindical lamentan que pasasen máis de tres anos desde a sentenza firme sen que o Concello impulsase “con seriedade” a elaboración e aprobación da RPT.
A actitude negociadora do Goberno local foi insuficiente e formalista, o que pode traer consecuencias graves tanto para a institución como para a súa máxima responsable
A sentenza de 2022, obtida pola CIG, estimou o recurso contra a pasividade do Concello e declarou a súa obriga de convocar a mesa de negociación coa finalidade específica de elaborar e aprobar a RPT. Malia iso, a Administración local non comunicou actuación ningunha até que a central sindical instou a execución forzosa en febreiro de 2024.
Durante a fase de execución, o Xulgado tivo que ditar sucesivos requirimentos e mesmo incoar unha peza de multas coercitivas á alcaldesa ante a falta de avances reais. “Que nos conste acreditado a rexedora chegou a abonar unha primeira multa de 150 euros mensuais”, indican.
Unha sentenza contundente
Na súa resolución, o TSXG sinala que “a actitude do Concello de Cariño non foi quen de mostrar vontade no cumprimento” e lembra que a obriga de convocar a mesa de negociación ten como finalidade expresa chegar a aprobar a RPT, “incluso coa parte sindical en contra”. O tribunal considera que o requirimento dun cronograma de actuacións para 2026 é “unha medida de control da execución válida” para evitar novas paralizacións inxustificadas e ordénalle ao Concello de Cariño que “proceda a remitir un cronograma sobre as actuacións previstas para executar a sentenza ditada a realizar este ano 2026, coa finalidade última de chegar a aprobar a RPT”. A sala impón ademais as costas da apelación ao Concello de Cariño, cun límite de 500 euros.
A CIG e a asemblea de persoas traballadoras municipais, despois de case seis meses de conflito laboral -con manifestacións e protestas semanais e máis de 17 días de paros-, decidiron suspender a folga indefinida convocada no mes de maio para darlle unha oportunidade á negociación colectiva, “co documento que por fin a alcaldesa nos puxo enriba da mesa”.
Aínda que insisten en reclamar “boa fe negociadora” para garantir un proceso áxil con con reunións semanais que permitan obter un documento de RPT que sería levado ao Pleno para a súa aprobación. “Mais a día de hoxe queda evidenciado, unha vez máis, a falta de vontade ou a incapacidade do Goberno municipal para cumprir coa súa palabra e co que lle esixe a normativa legal da Función Pública. Na última reunión da RPT (o 8 de xuño) a alcaldesa dixo que xa nos convocaría, porque a súa dinámica é: chegamos a acordos, di que vai consultar, e na seguinte reunión volvemos á casiña de saída”.
Neste senso, lamentan que a esta falta de capacidade negociadora se sumen os “constantes incumprimentos” da normativa laboral e administrativa. “Modificou de forma unilateral as condicións de traballo das auxiliares do SAF, e o Xulgado condenou o Concello por estas prácticas contrarias a dereito e por infrinxir os dereitos fundamentais das persoas traballadoras”.
Ademais, critican que a a rexedora continúe sen entregar documentación fundamental para facer a RPT, en concreto toda a parte económica que se corresponde co Capítulo I de gastos do persoal municipal, desagregado por postos de traballo e conceptos, “o que vulnera a obriga de transparencia de todas as administracións públicas, o dereito a negociación colectiva e a liberdade sindical”. Polo que consideran que terán que acudir de novo ao Xulgado para garantir a legalidade, “malia as nosas advertencias dos continuos incumprimentos e as súas consecuencias”.
Situación do SAF
Por outra banda, advirten da situación na que se atopa o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), con só tres de 12 auxiliares a traballar. “Estamos diante dunha situación insostible, dada a gravidade e a afectación para a saúde das traballadoras e a continuidade dun servizo de atención a persoas dependentes con toda a calidade que se merecen”.
Diante disto, esíxenlle ao Goberno municipal que abandone as prácticas dilatorias, impulse con dilixencia a finalización do documento de RPT e convoque a mesa de negociación con carácter urxente para aprobar o texto definitivo, “cumprindo así co mandato xudicial e coa legalidade vixente”.
Para rematar, inciden en que a CIG continuará a utilizar todas as vías xurídicas, de negociación e de conflito necesarias para garantir o cumprimento íntegro da sentenza, a aprobación da RPT e o respecto aos dereitos e condicións laborais de todo o persoal sen máis demoras.