O TSXG cualifica de irregular a actuación da consellaría de Educación por destinar a dedo, á EPAPU de Bonxe, a unha mestra

A sentenza firme prodúcese a raíz dio recurso presentado pola asesoría xurídica da CIG-Ensino
Compostela - 05 Xul 2016
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de confirmar, en sentenza firme, a irregularidade da adxudicación dunha praza a Mª José de Arriba Redondo, á marxe dos  procedementos de provisión legalmente estabelecidos, neste caso no Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP) e con base en descoñecidos “méritos especiais”, dándolle a razón ao profesorado prexudicado. A Consellaría adxudicoulle esta praza a María José Arriba Redondo de maneira fraudulenta, cunha “actuación caciquil á vella usanza”, destinándoa a dedo na EPAPU de Bonxe, durante catro anos consecutivos.  

O empeño da Consellaría de Educación en persistir nesta irregularidade e ilegalidade supuxo que non só non asumise a denuncia feita pola CIG-Ensino na Mesa Sectorial, senón que despois da primeira sentenza favorábel ao recurso presentado pola asesoría da CIG-Ensino, pronunciada polo Xulgado do Contencioso Nº 2 de Compostela, continuase obcecada en privilexiar esta profesora e recorrese en Casación perante o TSXG, que agora resolve con sentenza firme e fixa unhas custas de 1000 euros que terá que satisfacer a Consellaría con diñeiro público.

Xa no seu momento, a CIG-Ensino advertira á Xefatura Territorial de Educación da actuación irregular do inspector do centro, Sr. José Casimiro Pérez Fernández, que avalou e defendeu, mediante un informe favorábel, a adxudicación irregular a esta profesora.

As consecuencias desta actuación irregular non rematan, segundo a CIG-Ensino, aquí, pois froito dela a profesora beneficiada pola Consellaría, Dª María José de Arriba Redondo, segue a ocupar ese mesmo posto, que no seu momento lle foi irregularmente adxudicado, debido a que nas eleccións municipais de maio de 2015 resultou electa conselleira.

Por este motivo, conforme o artigo 74.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, ten garantida a permanencia no posto que ocupaba cando resultou electa, durante toda a lexislatura (4 anos). “Todo isto indúcenos a pensar que estas irregularidades tiñan como fin esta culminación e que, presuntamente, foi unha estratexia calculada con premeditación para favorecer a María José de Arriba Redondo”, asegura a CIG-Ensino.  

Recurso contencioso

Ante a contundencia da sentenza do TSXG, a CIG-Ensino xa ten presentado recurso contencioso contra o nomeamento actual desta persoa, xa que o mesmo é consecuencia de actuacións previas fraudulentas, para que se lles restitúan os dereitos que lles foron conculcados ás persoas reclamantes e non se volvan a repetir este tipo de actuacións no futuro.

A CIG-Ensino, diante da concatenación de diferentes actuacións anómalas e irregulares, que confirma con toda a contundencia o TSXG, exíxelle á Consellaría a depuración de responsabilidades acumuladas neste caso, cuxo máximo responsábel é a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos por amparar esta nova fraude da Consellaría de Educación.