O Tribunal Supremo anula varios artigos do convenio de Mercadona denunciados pola CIG
O Tribunal Supremo (TS) vén de estimar parcialmente a impugnación feita pola CIG contra o convenio colectivo de Mercadona, declarando ilegais varios artigos e procedendo á súa modificación. A sentenza, contra a que xa non cabe recurso, introduce cambios significativos en cuestións como a prima de beneficios ou as gratificacións extraordinarias, os permisos parentais e a intervención do comité intrercentros nos procesos de consulta nos centros que carecen de representación sindical.
A central sindical decidira impugnar o convenio estatal da empresa de alimentación asinado en 2024 por CCOO, UGT e o Sindicato Independiente da la Comunidad Valenciana (o sindicato da empresa) -proceso ao que se adheriu tamén a central vasca ELA- diante da Sala do Social da Audiencia Nacional, que desestimou a demanda. Mais agora o TS vén de atender parcialmente o recurso de casación presentado pola CIG, anulando varios artigos do convenio e modificando a súa redacción en favor das persoas traballadoras.
En concreto, sobre a prima o convenio establecía que para poder cobrala, o artigo 31 indicaba que había que superar a avaliación persoal e permanecer en activo na empresa entre 3 e 12 meses no ano de referencia. O propio artigo contempla varias excepcións a este requisito de permanencia: se unha persoa estaba de baixa por accidente de traballo durante 9 meses nun ano dábanlle por cumprido o requisito de permanencia mínima e ademais cobraba o importe íntegro da prima. Porén, se era unha baixa por enfermidade común, non lle pagarían nada en concepto de prima, porque xa non cumpría o requisito previo de permanencia mínima.
A sentenza declara discriminatorio por razón de enfermidade non dar por cumprido o requisito mínimo de permanencia cando a baixa é por enfermidade común, polo que a persoa afectada ten que participar no reparto da prima, aínda que considera xustificado que se distinga entre enfermidade común e accidente de traballo á hora de cobrala, de maneira que no caso de accidente se cobre de forma íntegra e no caso de enfermidade de forma proporcional.
No que respecta ao permiso parental, o convenio deixaba en mans da empresa a decisión de modificar o período de goce no caso de que dúas persoas do mesmo centro de traballo o solicitasen ao mesmo tempo. O TS entende e comparte a posición da CIG no sentido de que os motivos de aprazamento do permiso deben de estar definidos, de maneira que a persoa traballadora poida saber con antelación se lle poden aprazar o permiso ou non. O convenio de Mercadona non o fai, polo que se a compañía toma a decisión de variar as datas de goce do permiso aplicando este artigo a persoa afectada poderá reclamar mediante a presentación dunha demanda individual.
Finalmente, no que ten que ver coa intervención do comité intercentros en procedementos de consultas por modificación substancial de condicións de traballo, mobilidades xeográficas ou despedimentos colectivos o Tribunal Supremo di que isto pode ser legal cando os centros afectados pola medida son varios, pero cando é un único centro sen representación non hai base legal para que este comité negocie en nome desas persoas. En tal caso, o que hai que facer é unha asemblea para decidir se negocian os sindicatos representativos ou ben unha comisión creada a tal efecto.
Sindicatos "cómplices" da empresa
“O máis vergoñento de todo foi a posición dos sindicatos cómplices da empresa (UGT-CCOO-SI), que defenderon os postulados de Mercadona para seguir perpetuando a vontade da dirección en relación ao permiso parental, á discriminación por motivos de enfermidade para a percepción da prima e ao intento destes sindicatos para postularse como representantes ilexítimos nos casos de centros de traballo sen representación”, denuncian dende a CIG-Servizos.
Polo que amosan a súa satisfacción pola decisión xudicial e adiantan a súa determinación de continuar defendendo os dereitos de conciliación, a incorporación da prima no salario base poñendo fin ás avaliacións subxectivas do modelo imposto pola empresa e a democratización da participación sindical en igualdade de condicións.