O transporte en autobús chega á cuarta xornada de folga tras o fracaso da mediación
O persoal do transporte de persoas por estrada da provincia da Coruña está secundando este venres a que xa é a cuarta xornada de folga en menos de 15 días, logo do fracaso das dúas xuntanzas da mediación nas que as patronal non fixo ningunha proposta.
Aínda que a instancias do mediador a mesa quedou aberta (cun prazo máximo marcado polo sindicatos até o martes), todo fai indicar que a pretensión da patronal é prolongar o conflito no tempo sen importarlle nin as persoas traballadoras nin as persoas usuarias. Así o valoraba o representante da CIG na mesa de negociación, Ernesto López, quen advertiu dunha intensificación da folga á volta do nadal se non hai movementos que permitan pechar un acordo de convenio digno en materia salarial, laboral e social.
López cualificou de "decepcionantes" as dúas reunións no marco dunha mediación que, lembrou, foi solicitada pola propia patronal. "Coa escusa de supostos estragos nos vehículos, que nin probaron nin existen, a patronal decidiu onte levantarse da mesa sen facer ningunha proposta". Rexeitou estas acusacións por parte das mesmas empresas que “veñen de ser sancionadas con 1,6 millóns de euros por falsear a competencia na licitación de contratos” e considerou que a actitude da patronal “pon de manifesto que non quere unha saída negociada, abocándonos a continuar no conflito".
Neste contexto, López Rei valorou que o empresariado realizou as solicitude de mediación para "no paripé que teñen coa Xunta de Galiza, aparentar que fan algo, á espera do seguinte movemento da parte social".
Neste senso, explicou que no encontro de onte, a representación sindical "levou os deberes feitos e presentamos as propostas que nos solicitou o mediador, pero a patronal, que tiña a mesma encomenda, non trouxo nada e limitouse a acusarnos de sermos uns delincuentes”.