O sindicalismo nacionalista rende homenaxe a Moncho Reboiras no seu 41º cabodano

A Fundación para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza vén de editar unha biografía e unha lámina do militante asasinado pola policía franquista
Vigo - 11 Ago 2016

Un ano máis, a Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza homenaxea o militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado pola policía franquista no verán de 1975. A entidade vinculada á CIG vén de editar unha biografía e unha lámina de Reboiras coincidindo co seu 41º cabodano.

A Fundación Moncho Reboiras vén de editar con motivo do 41º aniversario do asasinato do militante nacionalista unha biografía na que se presenta a súa evolución vital, dende o seu nacemento en Imo (Dodro) en 1950 até o seu asasinato pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

O groso desta biografía correspóndese co seu compromiso político, como militante nacionalista, en favor das clases populares de Galiza. “Un compromiso que sería central na creación dun sindicalismo nacionalista galego, o que daría lugar ao Sindicato Obreiro Galego”, segundo subliñan.

Ademais, a Fundación Moncho Reboiras editou unha lámina na que se recupera unha fotografía de Xosé Ramón Reboiras Noia que achega unha faciana máis familiar e humana do histórico activista galego.