O sindicalismo nacionalista rachando tópicos sistémicos

Manuel Mera - 21 Xan 2026

A folga do 14-F de 1984, para alén de que fose o primeiro paro nacional que se fixo na Galiza dende o ano 1932, cando parou toda o país durante tres días, e a comarca de Ferrol durante 23, na defensa da Construtora Naval de Ferrol (a Bazán), deixou algunhas experiencias a ter en conta no futuro

 O 14 de febreiro de 1984, hai máis de catro décadas, o sindicalismo nacionalista atreveuse en solitario a realizar unha “folga nacional en Galiza”, aproveitando a convocatoria de CC.OO., UGT e INTG, para facer un paro na comarca de Vigo, e en Astano e Bazán no Ferrol, contra a reconversión no sector naval (atinxía especialmente a Astano, que pasaría a ter un cadro de persoal de 2.200 operarios dun total de 5.689 cos que contaba nese intre). A INTG propuxo ás outras dúas centrais alargar a folga a toda Galiza, mais estas contestaron que non había condicións, porque a situación non era o mesma en todos os lados, e que non era posíbel un paro de solidariedade. Dende o nacionalismo galego había unha valoración moi distinta respecto do estado de ánimo da clase traballadora, aínda que CC.OO e UGT contraditoriamente aceptaban que si ían parar outros sectores na comarca de Vigo. Entón: por que non en Ourense, Lugo, Pontevedra?, máxime sendo o naval estratéxico na economía, e polo tanto afectaba a todo o país o desmantelamento industrial e o desemprego.

 Os partidos sistémicos tampouco esperaban e ademais non querían que o paro callase. A INTG non tiña nin a afiliación nin a porcentaxe de delegados e delegadas que ten hoxe a CIG, e había unha oposición moi forte de CC.OO e UGT, que eran daquela as centrais maioritarias, así como unha belixerancia total por parte do Goberno do PSOE e da patronal. Aínda con estes atrancos a folga foi un éxito en Ourense, unha comarca interior, e tivo moita repercusión na Coruña, Compostela e outras cidades galegas, así como en numerosas vilas. É verdade que o nacionalismo galego axía como un todo, para alén do ámbito no que se militase ou traballase, e iso permitíalle sumar sinerxías (do movemento estudantil, do agro, da cultura...).

 A folga do 14-F, para alén de que fose o primeiro paro nacional que se fixo na Galiza dende o ano 1932, cando parou toda o país durante tres días, e a comarca de Ferrol durante 23, na defensa da Construtora Naval de Ferrol (a Bazán), deixou algunhas experiencias a ter en conta no futuro. A primeira, que a clase traballadora sempre está disposta a loitar cando olla que hai obxectivos e unha folla de ruta claros para conseguilos. A segunda, que ademais do estado de ánimo da xente e a correlación de forzas, conta moito a organización e o atrevemento. A terceira, que os galegos e galegas temos conciencia de nacionalidade e de clase nun sector moi amplo da sociedade.

 Este paro foi un éxito do (e para) a clase traballadora e un paso adiante para o sindicalismo de clase e nacionalista galego. En principio deixou claro que a unidade obreira se estende ao conxunto da clase traballadora, cando se trata de loitas de empresa ou sectoriais que son referentes, aínda que o sexan conxunturalmente. De aí que a primeira consecuencia foi que mesmo, empurrada pola súa base, CCOO mudou de postura, o que reforzou a loita contra o desmantelamento do sector naval con dúas novas folgas xerais, convocadas conxuntamente CCOO-INTG, o 12 de xullo e 29 de novembro dese ano. Unha alianza que non durou moito, porque o pacto social, como folla de ruta esencial, cada día collía máis forza en CCOO e UGT, agás en momentos e loitas moi concretas. A INTG (hoxe a CIG) ficaba soa na primeira liña, aínda que cada vez máis fortalecida na loita a prol da xustiza social e a soberanía nacional.

 

[Galiza, 21 de xaneiro de 2026]