O servizo de Urxencias do CHUAC, colapsado polo peche de camas

As doentes están a ser atendidas/os nos corredores e faltan camas de críticos/as e profesionais
Coruña - 13 Xul 2017

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) denuncia que xa se están a padecer as consecuencias do peche de camas: colapso do servizo de urxencias, doentes atendidos en corredores, falta de camas para doentes críticos e profesionais para atendelo.

Asegura que desde primeiros do mes de xullo, como consecuencia directa do peche de camas o Servizo de Urxencias volve a estar colapsado. Un colapso que, coma sempre, “débese á permanencia no servizo dun elevado número de doentes varados á espera de cama” e “amoreados/as por decenas nos corredores”.

A Comisión de Centro do CHUAC subliña que tanto os/as doentes como as súas familias teñen dereito a ser atendidos en “condicións que non atenten contra a súa dignidade e que garantan dereitos tan elementais como o dereito a intimidade e a confidencialidade”.

Alerta que as consecuencias dos recortes non só se están padecendo no Servizo de Urxencias e asegura que tamén se pecharon camas de atención a doentes críticos (UCI e  Reanimación) e se reduciu o persoal destes servizos. “As necesidades asistenciais, como era de esperar, xa obrigaron á Xerencia a unha apertura precipitada das camas de críticos pechadas e sen dispoñer de profesionais con experiencia para atendelas”, denuncia.

A Comisión de Centro sinala que cando a Xerencia afirma “incansablemente” que as camas pechadas poden pórse en funcionamento en calquera momento, “esquece que para facelo precísanse profesionais que atenda aos doentes que as van a ocupar. E neste momento xa está habendo grandes dificultades para contratalos”.

O persoal procedente das unidades pechadas está a facer, segundo a Comisión de Centro,  as substitucións que terían que realizar as/os profesionais desempregados. “Como resultado moitos profesionais, que ven como se reducen as súas posibilidade de emprego, buscan outra alternativa laboral ao marxe do Servizo Galego de Saúde”.

A Comisión de Centro esixe que se manteñan abertas e en funcionamento todas as camas do CHUAC, paralizándose inmediatamente o peche de camas en Medicina Interna do Hospital Abente y Lago.