O Sergas prohibe o peche co que as TCAE do Cunqueiro pretendían rexeitar a obriga de transportar a roupa sucia

Nun primeiro momento abandonaron as instalacións, pero regresaron

Vigo -

O conflito laboral derivado da nova obriga que teñen as Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo de transportar as bolsas da roupa sucia vai camiño de recruarse despois de que o Sergas prohibise hoxe o peche de 24 horas que as traballadoras/es pretendían levar a cabo no interior do centro sanitario. O propio xerente da EOXI esixiulle por carta que abandonases as instalacións, tras o que decidiron mobilizarse polos exteriores do complexo vixiadas/os moi de cerca por un desproporcionado despregue policial. Con todo, finalmente optaron por regresar ao interior do edificio tras manter unha xuntanza coa Xerencia que rematou sen acordo.

Tanto a comunicación do xerente como o importante dispositivo policial -ao parecer motivado pola folga de ambulancias convocada pola CIG- provocaron a indignación das máis dun cento de empregadas/os presentes na protesta, que recibiron as palabras do responsábel sanitario ao berro de “dimisión” e criticaron a presenza de grileiras e mesmo dun helicóptero.

Na carta remitida polo xerente, que foi lida en alto pola voceira do colectivo de CAE no interior do vestíbulo do hospital, acúsaselles de “perturbar a tranquilidade” do centro sanitario, ao tempo que se fai fincapé en que as protestas non teñen autorización. 

As afectadas/os amosaron a súa indignación polo desproporcionado despregue policial

Unha vez valoradas as posíbeis consecuencias de continuar coa mobilización dentro das instalacións -identificacións, sancións e expedientes-, as afectadas/os optaron por abandonar o interior do edificio e instalaron o 'campamento' no que pretenden pasar a noite até o mediodía deste venres diante da entrada principal.

A continuación aproveitaron para levar a cabo unha marcha silenciosa arredor do hospital, a cuxo interior accederon de novo nalgunha ocasión para visibilizar o conflito entre os pacientes e usuarios/as.

Xuntanza coa Xerencia

O percorrido rematou de novo diante da entrada principal, onde tiñan previsto manter a protesta até as 12:00 horas deste venres, cando volverán a mobilizarse como cada día dende o pasado día 2, cando lles comunicaron a obriga de transportar as bolsas de roupa sucia despois de que a empresa concesionaria da limpeza deixase de facelo.

A negativa de moitas/os CAE a asumir esta función extra -que lles resta tempo de atencións aos pacientes- provocou a apertura de máis de 30 expedientes por parte da Xerencia.

Con todo, decidiron regresar ao interior do vestíbulo -onde aínda permanecen a pesar das presións para que marchen- despois de manter unha xuntanza coa Xerencia que rematou sen acordo. Segundo denuncian as afectadas/os, o seu responsábel utilizou un ton moi agresivo durante a reunión e intentou enfrontalas/os con outros colectivos profesionais sanitarios. Como consecuencia, solicitarán un encontro co conselleiro para abordar esta problemática xa que non consideran o xerente como un interlocutor válido.

Volver