O SERGAS pechará este verán 230 camas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Confírmase o peche, case total, do hospital de Conxo, 51 camas no Gil Casares e 18 no Clínico
Compostela - 15 Xun 2016
Persoal do CHUS e usuarios/as concentrábanse este mércores no Hospital Clínico, no de Conxo e no do Barbanza para denunciar o peche de camas previsto para este verán. Un peche que afecta a un total de 230 camas, a súa maioría -161- no Hospital de Conxo, onde ademais pechan os quirófanos, o que implica o peche case total do hospital. Xunto a estas péchanse tamén 51 no Gil Casares e 18 no Hospital Clínico.

No ámbito de atención primaria anúnciase tamén o peche de distintos consultorios en diversos concellos desta área sanitaria. Uns peches que Camilo Agulleiro, Presidente da Xunta de Persoal, denunciou considerando que “en algúns destes concellos, lonxe de pechar, o que tería que facerse sería reforzar ao persoal, xa que son susceptibles de aumentar a poboación na época estival ao ser concellos costeiros, como pode ser o concello de Boiro, Carnota ou Porto do Son”.

Os peches anunciados son os dos consultorios de Cabo de Cruz (Boiro), Codeseda (A Estrada), Lira e o Pindo (Carnota), Abellá ( Pontecarreira ) e Porto do Son na quenda deslizante de tarde.

Agulleiro sinalou que, segundo a Xerencia, estes peches buscan a “eficiencia” na xestión e lévanse a cabo por mor da falta de profesionais de pediatría e medicina de familia, para cubrir as prazas. Peches que se xustifican ademais porque é un medio para conciliar as vacacións do persoal.

Fronte a isto, a Xunta de Persoal denuncia que “esta Xerencia, segue a interpretar as leis como boamente lle convén, e así nesa liña limítanse unicamente a entender que o traballo que teñen que facer para a implementación de medidas a seguir para asegurar unha prestación universal de calidade, que contribúa a sostibilidade do Sistema de Saúde é pechar unidades e non contratar persoal dos listados de contratación, porque xa dispoñen do persoal do cadro de persoal das unidades que pechan”.

Porén Agulleiro cuestionou esta xustificación e cualificou a decisión da Xerencia como unha “nova agresión” á sanidade pública, que incrementa o seu deterioro co obxectivo de aforrar recursos públicos a custo de reducir prestacións sanitarias.

“Non se pode aceptar un peche de camas que na práctica son especialidades enteiras (Neumoloxía, Medicina Interna, Quirófanos etc.) co argumento de que no verán baixa o número de doentes, cando ano tras ano podemos ver o colapso que isto provoca no Servizo de Urxencias, con máis de 20 e 30 pacientes pendentes de ingreso e con espera de 3 días por unha cama, ademais de derivalos a centros privados”, denunciou o Presidente da Xunta de Persoal.

Agulleiro considera que o peche de servizos sanitarios carece de toda lóxica asistencial porque xera un incremento en todas as listas de espera (cirurxías, probas diagnósticas...) ao tempo que incrementa as listas do paro.

“Isto á Xerencia dálle igual, o obxectivo é pechar camas para non contratar persoal, non hai ningún argumento que xustifique estes peches. O que fai a xerencia é condenar ás/aos cidadáns a non ter unha asistencia digna pola redución de prestacións sanitarias e condenar ao mesmo tempo ao paro a un gran número de traballadores”, concluíu.

O presidente da Xunta de Persoal denunciou ademais que con estas políticas sanitarias preténdese camiñar cara a privatizcaión da sanidade pública. Sinalou que exemplo disto é o que está a ocorrer no Meixoeiro e fixo un chamamento a participar na mobilización convocada en Vigo para o día 22 de xuño.