O SERGAS oculta ás traballadoras xestantes o dereito a gozar dun permiso retribuído a partir da semana 37

A CIG-Saúde pon en marcha unha campaña informativa para que o soliciten
Compostela - 14 Mar 2016
A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS se nega a negociar na Mesa Sectorial unha regulación actualizada dos permisos e que nin sequera publica mediante resolución aqueles aos que teñen dereito as mulleres xestantes. Por iso vén de pór en marcha unha campaña informativa para que as afectadas coñezan os seus dereitos e fagan uso deles.

A CIG-Saúde lembra que a disposición adicional décimo sexta do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a recolle o dereito das mulleres xestantes, traballadoras do SERGAS, a ter un permiso retribuído a partir do primeiro día da semana 37 de embarazo até a data do parto. Un permiso que, no caso de xestación múltiple iniciarase desde o primeiro día da semana 35.

Porén, denuncia que a consellaría de Sanidade, non publicou ningunha resolución ao respecto e non está informando debidamente ás súas traballadoras dos seus dereitos. “ Que non publicase ningunha resolución, non quer dicir que as traballadoras xestantes do SERGAS non teñan dereito a este permiso. Simplemente quer dicir, que o SERGAS pretende roubarlle este permiso as súas traballadoras”, afirma María Xosé Abuín.

Por iso, fronte o silencio do SERGAS, a secretaria nacional da CIG-Saúde lembra ás traballadoras que poden solicitar este permiso e exercer así os seus dereitos ao igual que calquera outra empregada pública.

Con este silencio, o SERGAS e a consellaría de Sanidade poñen de manifesto a súa nula preocupación pola maternidade e pola saúde das mulleres xestantes.