O sector sanitario exixe en Compostela a recuperación dos acordos suspendidos

Endurecerán as mobilizacións en setembro, se non se contempla nos orzamentos de 2018
Nacional - 19 Xun 2017

Persoal do SERGAS saíu esta mañá en manifestación desde o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, até San Lázaro simulando unha peregrinación de saída, en vez da tradicional de chegada a Compostela, para demandar a recuperación dos acordos retributivos e de condicións de traballo suspendidos unilateralmente polo goberno de Feijóo.

Ao comezo da marcha, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que diante da actual situación laboral que ten o persoal do SERGAS, moitas/os profesionais se ven obrigadas/os a emigrar para non sufrir a precariedade laboral á que se abocados/as polas políticas do PP en Galiza. Por iso, con esta mobilización que se insire na campaña que a CIG, CCOO, UGT, CSIF, SATSE e SAE veñen desenvolvendo desde hai varios meses quixeron simbolizar unha peregrinación de saída e non de chegada.

Abuín lembrou que desde o ano 2009 agardan a que a consellaría de Sanidade se aveña a negociar na mesa sectorial un calendario no que se marquen prazos para recuperar os acordos e, xa que logo, unhas condicións salariais e laborais que viron mermadas por mor dos recortes impostos polo Partido Popular.

Endurecemento das mobilizacións

Advertiu ademais que “se chegado o mes de setembro non se convoca a mesa sectorial, para que nos presupostos de 2018 xa haxa algunha partida orzamentaria que permita comezar a recuperar o que nos foi roubado, endureceremos as medidas de presión e chegaremos a onde faga falta”.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde “o persoal do SERGAS non pode seguir á cola das retribución dos servizos de saúde do estado español”. Por iso engadiu que “se Feijóo presume de que a economía galega é a máis saneada do Estado os traballadores e traballadoras do SERGAS temos dereito a recuperar as nosas retribucións para situarnos na media”.

Abuín lembrou que ademais de suspenderse os acordos en materia retributiva tamén se viu paralizada a carreira profesional, o complemento salarial do 100% por Incapacidade Temporal, o que supón que “ademais dos recortes salariais teñamos un imposto á enfermidade”.

Xunto a isto, as organizacións sindicais demandan a negociación da recuperación do 100% dos postos de traballo vacantes desde o ano 2010 porque malia o Plan de Estabilidade, que contempla a cobertura de 800 prazas, quedan sen cubrir 1.500 prazas vacantes.