O sector naval como xerador de emprego, riqueza e asentamento da poboación

A CIG-Industria desenvolveu en Ferrol, en colaboración coa UdC, unhas xornadas para avaliar as perspectivas e retos do sector

Nacional -

A CIG-Industria organizou este mércores en Ferrol unhas xornadas sobre a importancia do sector naval como xerador de emprego e asentamento de poboación. As charlas, organizadas en colaboración coa Universidade da Coruña, desenvolvéronse no Campus do Esteiro e contaron coa participación de diversos especialistas no sector. O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, foi o encargado de clausurar o encontro.

"As perspectivas actuais e os retos da construción naval", foi o nome baixo o que se desenvolveron as xornadas nas que interviñeron diversos especialistas para abordar a situación do sector naval a nivel global, as condicións particulares dos estaleiros da ría e o seu impacto na comarca como xerador de emprego e asentamento poboacional ou analizar as os modelos de empresas públicas navais noutros países europeos. 

O Secretario Nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, foi o encargado de inaugurar as conferencias mentres que a clausura e conclusións estiveron ao cargo do Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quen salientou o carácter estratéxico deste sector, non só para a comarca de Ferrol, senón para toda a economía galega e lembrou a súa contribución á industrialización de Galiza mais tamén o seu peso maioritario dentro do sector naval do Estado Español, tanto en produción como en emprego.

“Vítima dunha negociación do Estado español coa CEE contraria aos intereses de Galiza”

O secretario xeral da CIG denunciou as “nefastas consecuencias económicas, laborais e sociais” que para Galiza supuxo todo o proceso de desmantelamento do sector naval, tanto o iniciado na década dos oitenta, como consecuencia das esixencias impostas ao Estado Español para a súa entrada na Comunidade Económica Europea, como, máis recentemente, mediante as denuncias e paralización do tax-lease.

Considerou tanto o sector naval como o pesqueiro, conserveiro, o siderúrxico ou agrogandeiro “vítimas dunha negociación do Estado Español coa CEE contraria aos intereses de Galiza”, na que asegurou que “fomos discriminados e os nosos sectores produtivos utilizados como moeda de cambio en beneficio doutros sectores económicos doutras nacións do Estado e doutros Estados europeos”.

A modo de exemplo puxo o sucedido coa antiga ASTANO, condenada por decisións políticas da CEE e do Goberno Español a non poder producir buques mercantes, tratándose como se trataba dun dos estaleiros punteiros e máis prestixiados en Europa.

Fixo ademais un percorrido polos sucesivos Plans de Reconversión ou Reestruturación, dos que dixo que se converteran en “meros plans de redución da capacidade produtiva, de destrución de emprego fixo e substitución, de parte dese emprego fixo, por emprego temporal e máis barato, a través da externalización da produción e a subcontratación das empresas auxiliares, mesmo provocando a configuración dunha plantilla da empresa principal pouco operativa para poder retomar plenamente a actividade da construción de buques”.

Fracaso dos plans de reindustrialización

Polo que respecta aos Plans de Reindustrialización, considerounos “un total fracaso” e acusou tanto ao goberno español, como á Xunta de Galiza de desentenderse “deixando en mans do libre mercado un proceso de industrialización e recuperación económica que nunca chegou”.

Demandou aproveitar as potencialidades dunha actividade produtiva “na que non partimos de cero, da que contamos cunha base moi importante como é a experiencia, o coñecemento, a cualificación tecnolóxica e manual e miles de metros cadrados en instalacións” e presentou as alternativas elaboradas pola CIG, como base para favorecer a necesaria reactivación do sector.

Alternativas da CIG

Entres as diferentes alternativas salientou a diversificación da produción, coa conseguinte creación do Complexo Integral da Construción Naval na ría de Ferrol, que abrangue a construción civil, militar, offshore e de reparacións e que funcione como unha unidade territorial autónoma, con representación da Xunta de Galiza, tanto no capital social como no Consello de Administración.

Fixo ademais fincapé na necesidade de establecer un Plan de financiamento e de modernización de todas as instalacións para a súa adaptación ás novas necesidades do mercado e as novas tecnoloxías e, xunto a este, un plan de mellora organizativa, da xestión, dos métodos de traballo, da formación e de rexuvenecemento dos cadros de persoal, ademais dun plan de incremento do investimento en I+D+i, buscando a calidade nos avances tecnolóxicos e no deseño dos buques.

Alternativas que segundo Seixo dependen, en todo caso, “de que exista vontade política para levalas adiante, tanto por parte do Goberno central como da Xunta de Galiza”.

Plan de futuro para Navantia

Estas propostas foron complementadas polo secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, quen apostou por un plan de futuro para Navantia que pasaría pola modernización dos estaleiros e que a propia empresa, polo que os seus representantes manifestaron nalgunha das xuntanzas mantidas coa CIG, contempla.

Un plan que, para a CIG-Industria, pasaría por favorecer a construción naval tanto militar como civil e que ten que levar consigo o mantemento dos actuais cadros de persoal, dotando a Navantia Fene dun cadro de persoal suficiente para que se poida dedicar á construción civil.

Bouzas sinalou tamén a necesidade de que a fábrica de turbinas incremente a súa capacidade produtiva e que se fagan os investimentos necesarios para que carenas non perda mercado e poida acceder a outros sectores do mundo da reparación.

Xunto a isto considerou imprescindíbel que a industria auxiliar repunte o seu traballo e que “non se entenda como un abaratamento de custos, senón como industria complementaria á industria principal e, polo tanto teña un peso específico á hora de xerar riqueza na comarca”.

Para a CIG-Industria isto permitiría reverter a situación de declive económico e demográfico que vive a comarca de Ferrolterra, que pasou de ter nos anos 80 aproximadamente 220.000 habitantes, aos actuais 183.000 e unha media de idade de 49 anos, tres máis que a media galega e nove máis que a media do Estado español.

 

Volver