O sector dos elaborados do mar irá á folga indefinida a partir do día 15 se non se pacta un novo convenio

As centrais acudirán ao Parlamento, farán un acto en Marín, celebrarán asembleas nas empresas e repartirán folletos informativos

Vigo/Pontevedra -

A CIG, CCOO e UGT acordaron hoxe en Pontevedra convocar folga indefinida no sector dos elaborados do mar a partir do vindeiro día 15 no caso de que antes desa data non se pacte un novo convenio colectivo estatal que mellore as condicións laborais das traballadoras/as. Na xuntanza mantida hoxe entre as tres centrais tamén se elaborou un calendario de asembleas en todas as empresas e decidiuse acudir ao Parlamento galego este martes para estar presentes no debate que terá lugar durante a sesión.

Representantes dos tres sindicatos reuníronse esta mañá para abordar a convocatoria do paro indefinido, perfilar o calendario de asembleas no sector e decidir os próximos pasos a dar ante a intransixencia da patronal á hora de pactar un novo convenio colectivo estatal que mellore unhas condicións laborais “de escravitude”. 

Os sindicatos tamén acordaron intensificar a presión sobre a Xunta de Galiza

Entre os acordos adoptados salientan, ademais da convocatoria de folga indefinida, o desprazamento até Santiago este martes para estar presentes na sesión parlamentaria que terá lugar a partir das 18:00 horas e na que se debaterá o conflito, así como a celebración de asembleas en todas as empresas do sector e en cada unha das quendas.

Ademais, acordaron organizar un acto cos voceiros dos grupos parlamentares diante das instalacións da empresa Cabomar, no Porto de Marín, o próximo día 9 en apoio das reivindicacións do persoal do sector.

Tamén se decidiu iniciar o reparto de folletos informativos nos establecementos das grandes cadeas de distribución a partir do día 12 e intensificar a presionar sobre a Xunta de Galiza “como responsábel de que empresas con importantes subvencións públicas non amosen verdadeira vontade de negociar”.

Volver