O sector de atención social e coidados únese contra a precariedade laboral e por un servizo de calidade

Nacional - 29 Set 2026

Traballadores e traballadoras do sector de coidados –público e privado– veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas usuarias dos distintos servizos. O 24 de setembro concentráronse diante da Xunta de Galiza para presentar o calendario de mobilizacións que desenvolverán nos vindeiros meses e para reclamar a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas que garanta condicións dignas para o persoal e as persoas usuarias.

Estes colectivos levan anos denunciando a situación, tanto laboral como profesional, das escolas infantís 0-3, dos centros de protección a menores e reforma xuvenís, das Residencias de Maiores, dos Centros de Día, dos Centros de Noite, das Vivendas Tuteladas e dos Fogares Residenciais, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar, equipos de valoración da discapacidade e dependencia, atención temperá á discapacidade, e equipas de protección da infancia. Servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e precarizando con políticas privatizadoras para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis. 

A prioridade sindical é a mellora das condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo mesas de diálogo tanto no ámbito privado como no público

Fronte esta visión, salientan que os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna, polo que defenden a xestión directa polas Administracións Públicas, que se presten en condicións de calidade asistencial e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal.

Sobre este último punto, a prioridade sindical é a mellora das condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo mesas de diálogo tanto no ámbito privado, a través do CGRL, como no público, coa Dirección Xeral de Función Pública. Responsabilizan á Xunta de Galiza da situación actual e advirten de que a súa negativa a negociar non freará a defensa de melloras como a baixada das ratios, a redución da carga de traballo, máis persoal especializado e salarios dignos e xustos.

Mobilizacións

Para o día 15 de outubro, ás 11:30h, están previstas concentracións diante dos edificios administrativos da Xunta; o 14 de novembro, ás 11h, unha manifestación nacional con saída da Alameda; e en decembro, unha concentración no Parlamento o día da presentación e debate dos Orzamentos. Ademais se non obteñen resposta da administración, non descartan mesmo a convocatoria de folga.