O sector das conservas de peixe vai ao conflito por un convenio con mellores condicións laborais

Nacional - 19 Xan 2026

O persoal do sector das conservas de peixe volverá á rúa para reclamar unha mellora das súas condicións laborais tras o fracaso da última mediación no SIMA ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo estatal pola insistencia do empresariado en rexeitar unha clasificación profesional xusta e a negativa a pactar unha suba salarial digna.

As centrais CIG, CCOO e UGT anunciaron un calendario de mobilizacións que dará comezo o vindeiro sábado 24 de xaneiro cunha manifestación dende o Concello de Vilagarcía ás 11:30 horas e que continuará con catro xornadas de folga os días 27 e 28 de xaneiro e 24 e 25 de febreiro. 

As centrais teñen convocada unha manifestación para este sábado 24 en Vilagarcía e catro días de folga para o 27 e 28 de xaneiro e 24 e 25 de febreiro

Dende a FGAMT-CIG do Salnés explican que as principais diferencias non teñen que ver coas materias sociais abordadas durante as conversas e que aínda fican pendentes de concretar, senón en dúas cuestións fundamentais que a patronal se nega a resolver, como son unha clasificación profesional xusta que remate coas desigualdades entre grupos e categorías e un incremento de soldos que garanta poder adquisitivo. “Os sindicatos presentes na comisión negociadora advertímoslle ao empresariado que non asinaremos un convenio que consolide desigualdade e perda salarial, polo que o inicio do conflito é responsabilidade súa”, sinalan.

A central nacionalista aposta por un novo sistema de clasificación profesional baseado na valoración de postos de traballo, “pero claro e transparente, que non dea pé a discrecionalidades nin a decisións de encadramento arbitrarias por parte das empresas”. Para o que considera necesario definir claramente cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor).

Tamén demanda complementos obxectivos e regulados no convenio: quendas, frío, perigosidade, polivalencia, etc. “É unha débeda histórica co sector que se lle recoñeza ao persoal de fabricación certas condicións e coñecementos específicos”. Así como pactar en que nivel se sitúan as distintas categorías e asignar o persoal a cada un en función da súa categoría e do traballo que realiza. Ademais dunha suba salarial lineal en todos os niveis que garanta uns salarios dignos para o conxunto do persoal.