O sector da Administración Xeral do Estado reelixe por unanimidade a Xosé Manuel Gil como secretario nacional
A IX Asemblea de persoas afiliadas renovou tamén ás representantes na Dirección e Executiva nacionais
A IX Asemblea do sector da Administración Xeral do Estado, como parte da CIG Administración Pública, reelixiu por unanimidade a Xosé Manuel Gil Ramos como secretario nacional. No proceso, celebrado o sábado 21 de febreiro en Compostela e ao que concorreu unha candidatura única para todos os órganos a renovar, tamén se escolleu a nova Executiva e Dirección nacionais, elixidas por unanimidade.
A Executiva nacional do sector da Administración estatal quedou composta por:
Xosé Manuel Gil Ramos
Ana López Bogo
Antonio Otero Rodríguez
Beatriz González Freire
Súmanse ás catro integrantes da Executiva, como parte da Dirección nacional :
José Antonio Baliño Vázquez
Verónica Vázquez El Laffa
Xurxo Ánxel Vázquez Regal
Lorena García Oliveira
Iván Roca Cruz
Jesús Fernández Salgado
Daniel Valladares Otero
Como representante do sector na Dirección nacional da CIG-Administración Pública escolleuse, tamén por unanimidade, a Carlos García Seoane.
Reflexión, aprendizaxe e azos para un novo tempo
No decurso da Asemblea aprobouse de xeito unánime o informe de xestión da Executiva saínte, no que se destacou o enorme aprendizaxe que teñen suposto os últimos catro anos para o sector, nun escenario de grave parálise política e de deterioro das condicións laborais.
Tamén se destacou o labor e o enorme capital humano e sindical dos compañeiros e compañeiras que acadaron a súa idade de xubilación neste período ou que están a piques de acadalo, recoñecendo a súa traxectoria e a necesidade de transmitir esa sabedoría e bo facer ás novas xeracións.
“Esta nova etapa debe servir para reforzar algo clave: apoiar as novas incorporacións, transmitir todo o coñecemento e experiencia, e construír equipos máis amplos, para que a CIG siga sendo unha ferramenta útil, forte e presente nos centros de traballo. A CIG debe continuar a reforzar a participación e impulsar propostas claras para acadar máis dereitos, máis negociación real, máis medios e máis dignidade para o persoal dos servizos públicos”, afirmouse.