O proceso xudicial iniciado pola CIG en 2022 remata recoñecendo o dereito ás subas salariais do persoal investigador das universidades

Unhas 900 persoas verán incrementados os seus soldos coas actualizacións dos últimos cinco anos tras agardar un ano pola execución dunha sentenza gañada á UVigo
Vigo/Ourense - 13 Nov 2026

A Universidade de Vigo fixo pública hai uns días a instrución que explica como vai ser a execución da sentenza que perdeu, logo dun recurso de casación, en novembro de 2025. “A través de pagamentos que xa se están facendo efectivos estamos, non sen tempo, no final dun conflito colectivo que afecta a tres colectivos vinculados á investigación”, sinalan dende a CIG-Ensino.

O Tribunal Supremo recoñeceu o dereito á suba salarial anual, recollida nos Orzamentos Xerais do Estado, para o PDI en formación predoutoral, postdoutoral e o persoal contratado en proxectos de investigación. A sentenza establecía que a decisión da Universidade de Vigo de non aboar os incrementos retributivos, dispostos na normativa estatal dos anos 2022 e 2023 a estes tres colectivos é contraria a dereito, discriminatoria e, por tanto, nula. 

A CIG-Ensino congratúlase de ter obtido nas tres universidades galegas unha mellora tan significativa para o persoal vinculado á investigación

A CIG Ensino leva un ano en contacto coa reitoría da UVigo intentando dar unha saída negociada a este conflito colectivo, pero as distintas circunstancias acontecidas neste últimos meses dentro da propia universidade fixeron que se prolongase no tempo, moito máis do desexado, o cumprimento da sentenza.

A Xerencia fixo pública o pasado 20 de outubro a a Instrución 7/2026 relativa á execución da sentenza. En resumo, vén a dicir que os colectivos afectados pola decisión xudicial (arredor de 900 persoas) recibirán, se non o fixeron xa, as subas salariais correspondentes aos anos 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026. Isto tradúcese no pagamento conxunto de todos os atrasos correspondentes que, nalgúns casos, xa se viron reflectidos na nómina de outubro e que se irán completando no novembro ou, como moi tarde, na de decembro do persoal que ten actualmente vinculación contractual coa Universidade de Vigo.

Por outro lado, ponse a disposición das persoas afectadas sen vinculación laboral actualmente coa universidade un modelo de solicitude que terán que rexistrar coa petición correspondente.

Incertezas pendentes de aclarar

A central sindical vén de rexistrar un escrito na Xerencia para que confirme algúns aspectos que xeran dúbidas en canto á redacción da instrución. “Á espera da resposta, nos vindeiros días agardamos poder dicir que non hai que impugnar a instrución, e polo tanto estamos ante o final do proceso xudicial”.

Ao mesmo tempo, na CIG-Ensino teñen constancia das actuacións levadas a cabo pola Inspección de Traballo logo das denuncias presentadas pola central sindical, “e solicitámoslle por escrito á UVigo a confirmación dos pagamentos que xa efectuara para poder contrastalo”.

Os colectivos afectados son o persoal predoutoral en formación, o persoal postdoutoral e o persoal contratado con cargo a proxectos de investigación, “e todos eles terán no futuro incrementada a súa nómina ao igual que o resto do persoal que xa recibiu esa suba salarial”.

Gañado este dereito dos anos 2022 e 2023, que se fará extensivo xa todos os anos para todo este persoal, a CIG-Ensino congratúlase de ter obtido nas tres universidades galegas unha mellora tan significativa para o persoal vinculado á investigación.