O procés catalán e a loita polo dereito á autodeterminación

Iván Carrasco e José V. Bolaños - 17 Nov 2017

Fronte ao Estado reaccionario, posfranquista e monárquico español, a proclamación da República catalá é altamente progresista, malia o difícil que resulta a súa comprensión por parte da esquerda española e miles de demócratas e progresistas de todo o mundo

[…] se queremos entender o que significa a autodeterminación das nacións, sen xogar a definicións xurídicas nin “inventar” definicións abstractas, senón examinando as condicións históricas e económicas dos movementos nacionais, chegaremos inevitabelemente á conclusión seguinte: por autodeterminación das nacións enténdese a súa separación estatal das colectividades doutra nación, enténdese a formación dun Estado nacional independente. (V. I. Lenin, O dereito das nacións á autodeterminación, 1914).

 Algo que chama a atención é que en pleno século XXI aínda existan monarquías no mundo, aínda máis, que permanezan no vello continente onde a Ilustración guillotinou algunhas cabezas de certos monarcas hai xa uns séculos. Porén, aínda hai países onde se segue rendendo tributo a reis, un deles é España. No devandito país, ademais, a monarquía constitucional alicérzase non só sobre a base dun neocolonialismo externo e interno, senón tamén dun nacionalismo de ultradereita emanado da vitoria franquista sobre os republicanos en 1939[1].

 España vive unha situación política convulsa a raíz do proceso independentista catalán que comezou en 2012, así como pola irrupción dunha “nova” esquerda no escenario político e nas institucións estatais e autonómicas[2]. O 1 de outubro de 2017 (1-O), entre condicións excepcionais de militarización das rúas e os golpes propinados pola Garda Civil e a Policía Nacional española contra miles de persoas que se concentraron nos colexios electorais[3], levouse a cabo un referendo de autodeterminación en Catalunya, malia que previamente fora declarado ilegal polo Tribunal Constitucional español (TC).

 O 1-O case 2.5 millóns de cataláns acudiron ás urnas instaladas en colexios para responder á pregunta: “Quere que Cataluña sexa un estado independente en forma de república?”. Dos participantes, o 90.18 % (arriba de 2 millóns) votou a favor, mentres que o 7.83 % votou en contra. O pasado 27 de outubro, coa maioría absoluta no Parlament de Catalunya, o bloque independentista, conformado por 10 deputados da Candidatura d’Unitat Popular (CUP) e 62 da coalición Junts pel Sí[4], logrou poñer a votación e aprobar a proclamación da República de Catalunya. Ao mesmo tempo, en Madrid reuníase o Senado español para votar e aprobar (dada a maioría absoluta da que nese órgano goza o PP[5], co apoio do PSOE[6] e C’s[7]) a aplicación do artigo 155 da Constitución española coa finalidade de “meter en cintura” as autoridades catalás pola vía de destituír o Govern da Generalitat, disolver o Parlament, encarcerar aos ministros do Govern e convocar eleccións autonómicas o 21 de decembro de 2017. En poucas palabras, suspendeuse oficialmente a autonomía catalá[8].

O proceso independentista

 Catalunya tivo un movemento antiborbónico que se remonta ao século XVIII, a isto hai que sumar o movemento independentista que adquire consistencia a partir da segunda década do século XX coa figura de Francesc Macià quen, ademais de fundar o primeiro partido independentista de Catalunya, intentou, ante o anticatalanismo da ditadura de Primo de Rivera, conseguir a independencia pola vía insurreccional. Ao longo do século XX, mais, sobre todo, durante a ditadura franquista, a maioría das nacións que conforman o Estado español[9] foron sistematicamente forzadas, a través da represión, a abandonar as súas tradicións e linguas a favor do nacionalismo castelán imposto pola ditadura fascista.

 Non foi até a promulgación da Constitución de 1978[10] e a creación dos Estatutos de Autonomía que as diferentes nacións e rexións adquiriron algunhas liberdades de xestión sobre as súas institucións históricas, educativas, de finanzas e culturais. Porén, Catalunya, unha das comunidades autónomas que máis achega ao PIB do Estado español (próximo ao 19 %), é hoxe en día, a xuízo dos independentistas, tratada como unha colonia desde a que se extrae riqueza e á que se castiga financieramente.

 Nun contexto de crise económica, orixinada pola crise mundial iniciada en 2008, os sectores populares e a clase obreira de Catalunya víronse inmersos nunha dinámica de crecente precarización (recortes nos gastos sociais, desahucios e a derechización política da sociedade). Isto, xunto á decisión do PP, a través do TC, de anular e declarar inconstitucionais algúns artigos do Estatuto de Autonomía de Catalunya (sobre todo aqueles que outorgaban maior liberdade de xestión financeira) emanado dunha votación democrática no ano 2006, deu como resultado o rápido crecemento dos sectores soberanistas. Exemplo diso é o partido socialista anticapitalista, Candidatura d’Unitat Popular, que cuadriplicou o seu número de votantes do ano 2012 ao 2015.

Independencia das nacións ou “cambio” en España

 Fronte ao Estado reaccionario, posfranquista e monárquico español, a proclamación da República catalá é altamente progresista, malia o difícil que resulta a súa comprensión por parte da esquerda española e miles de demócratas e progresistas de todo o mundo. Mesmo nos atrevemos a afirmar que a independencia catalá traería máis e mellores ventos de mudanza ás loitas do pobo español e aos pobos de Europa.

 Dicimos isto último porque, desde a aparición en escena de Podemos e as súas confluencias, a necesidade de “cambio” inscríbese tamén na axenda política española, aínda que nunca quedou claro cara a onde apunta e quen, ademais de Podemos e as súas confluencias, serán os partidos e organizacións que o dirixirán. Podemos e as súas confluencias levan desde 2015 pregándolle ao PSOE para que conforme goberno con eles e, así, poidan “sacar” o PP do goberno de España. O PSOE contestou a cada un destes chamados con ambigüidade, cando non co franco desprezo, e situouse unha e outra vez á beira do PP, C’s e os monarcas borbóns. A máis recente proba disto é o apoio brindado polo PSOE e a súa marca catalá, o PSC[11], á aplicación do artigo 155.

A esquerda española: unidade nacional e lóxica electoral

 Podemos xa o debería ter entendido: ao Estado español non lle gusta a democracia, gústanlle os referendos… cando son en Venezuela; o Estado español é altamente represivo, ao PP e C’s non lles gustan os presos políticos… só cando son venezolanos. Neste momento, a vía posíbel para rebentar desde as máis antigas fendas o réxime monárquico e reaccionario do Estado español está na posta en marcha de procesos constituíntes nas nacións sen Estado, é dicir, a conformación de repúblicas independentes en Catalunya e Euskal Herria [e Galiza, N.T.], polo menos polo de agora e malia que, momentaneamente, o proceso estea dirixido pola burguesía e a pequena burguesía catalás.

 É lamentábel que Podemos e a esquerda “socialista” se estean a converter aos poucos no último baluarte da “unidade” de España por medio da repetición, case como un mantra, de frases como “No queremos que Cataluña se vaya de España” e, de xeito máis recente e descarado, “Queremos derrotar a los independentistas”. Afastados quedaron os tempos en que Podemos pretendía derrotar o PP.

 C’s, PP e PSOE comezaron, por exemplo, a reforzar os seus posicionamentos en torno á “unidade nacional” como sempre fixo a dereita máis resesa e antidemocrática. Insistir desde a esquerda na unidade de España é unha parvada e leva a un beco sen saída, Pablo Iglesias e Alberto Garzón[12] sábeno, pero o cálculo electoral segue marcando a súa axenda, se Catalunya se separa de España, Unidos Podemos quedaría sen pouco máis do 15% do seu electorado[13]. Os procesos electorais e as particularidades dos territorios en disputa definen estratexias nos partidos políticos e Podemos, malia o seu rápido crecemento e a súa creatividade política, non é alleo á devandita lóxica.

 Así parece, e é lamentábel que, para Podemos, falar do “dereito a decidir” é moi doado e mesmo un bo eslogan para a campaña electoral, o que se percibe complicado é o exercicio e, sobre todo, o respecto dese dereito. A desautorización do secretario xeral de Podem, Albano Dante Fachín, por parte da dirección estatal de Podemos, xa comeza a ser coñecida como “o 155 de Igrlesias en Catalunya”[14]. Os feitos son máis duros que os discursos.

O procés só é un vehículo, o motor é o pobo

 O proceso independentista catalán segue o seu camiño ás alancadas. A xuízo dalgúns, a crise política que abriron os independentistas podería decantarse na fractura irremediábel do réxime emanado de 1978 e, con iso, a caída do PP e da monarquía española. Isto, no entanto, semella difícil, sobre todo cando observamos que a esquerda española parece moverse no horizonte da unidade nacional forxada desde o século XVI e reafirmada polo triunfo fascista en 1939. Por iso, preguntámonos, será certo que para que haxa unha España vermella primeiro debe estar rota?

 Mentres escribimos estas liñas, máis de 2.000 empresas confirmaron o retiro das súas sedes de Catalunya[15] e, ademais, algunhas delas anunciaron que non volverán. Todo parece indicar que ao capital non lle agradan os procesos soberanistas defendidos polos sectores progresistas da sociedade. Ao mesmo tempo, oito conselleiros do Govern da Generalitat foron levados a prisión por ordes da Audiencia Nacional española, acusados dos delitos de sedición, rebelión e malversación; así mesmo, fálase da execución de ordes internacionais de captura en contra dos membros restantes do Govern, entre eles o president Carles Puigdemont.

 Masivas mobilizacións pola liberdade dos presos políticos, así como esporádicos cortes de rúas e de vías férreas xa tiveron lugar en Catalunya. Os partidos políticos fan as listas xa para concorreren ás eleccións o 21 de decembro, outras eleccións plebiscitarias, pero agora baixo as condicións que a aplicación do 155 impuxo. A batalla albíscase longa e difícil, pero os cataláns xa o dixeron: Els carrers serán sempre nostres.

________________________________________________________________________

Notas:

[1] A Guerra Civil española (GCE) aconteceu de 1936 a 1939 é coñecida no mundo por xogar o papel de “antesala” ou “ensaio” da Segunda Guerra Mundial e culminou co triunfo dos xenerais sublevados (comandados por Francisco Franco) sobre o goberno democraticamente elixido da República española.

[2] Referímonos aquí ao partido Podemos (cuxo secretario xeral é Pablo Iglesias) e ás súas diferentes confluencias territoriais (Catalunya en Comú, En Marea, Elkarrekin Podemos, etcétera), así como á coalición electoral Unidos Podemos, na que participan, ademais dos xa referidos, outros partidos e coalicións da vella esquerda española como, por exemplo, Esquerda Unida (IU), coalición na que se atopa integrado o Partido Comunista de España (PCE).

[3] Segundo un comunicado do Departament de Salut da Generalitat de Catalunya, a cifra total de persoas atendidas por parte do Sistema d?Emergències Mèdiques foi de 893 persoas, entre eles unha persoa que perdeu un ollo por impacto de bala de goma (prohibidas en Catalunya) e unha persoa de idade avanzada que sufriu un infarto como produto dunha carga policial.

[4] Coalición conformada polo Partit Demòcrata Europeu Català (PDECAT), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Demòcrates de Catalunya (DC), ademais de deputados independentes provenientes da Assemblea Nacional Catalá (ANC) e Òmnium Cultural (OC), entre outras agrupacións civís independentistas.

[5] Partido Popular, partido tradicional da dereita española.

[6] Partido Socialista Obrero Español.

[7] Ciudadanos, partido político que se fai pasar por “liberal”, mais que en realidade representa e asume posturas de ultradereita. Versión española da Fronte Nacional francés de Marine Le Pen.

[8] Dicimos “oficialmente” porque, pola vía dos feitos, a autonomía de Catalunya levaba tempo suspendida, polo menos en materia de seguridade e finanzas.

[9] Referímonos aquí a vascos, galegos, cataláns, valencianos, baleares e andaluces.

[10] Produto dun pacto entre as elites franquistas, os partidos nacionalistas burgueses das nacións sen Estado (Partido Nacionalista Vasco, no caso de Euskal Herria, e Convergència i Uniò, en Catalunya) e a esquerda xa para daquela domesticada (PCE e PSOE).

[11] Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC).

[12] Coordinador xeral de IU e secretario xeral do PCE.

[13] Segundo os datos publicados polo xornal El País, nas eleccións xerais do 26 de xuño do 2016, Unidos Podemos obtivo un total de 5.049.734 votos, deste total 848.526 votos obtívoos En Comú Podem (a marca catalá de Unidos Podemos) o que representa o 16.8% do total de votos obtidos pola devandita forza política no conxunto do Estado español.

[14] Para máis información respecto diso recomendamos a lectura de Martxelo Díaz, “Pablo Igrlesias aplica su propio 155 a Podem”, GARA, edición en liña, 31 de outubro de 2017, no cal se sinala: “Pablo Iglesias aplicou o seu propio artigo 155 a Podem, a súa marca catalá, impoñéndolle unha consulta entre a militancia para desactivar o acordo do Consell Ciutadà Català [órgano de dirección de Podem] que reclamaba unha resposta unitaria ante as eleccións do 21-D e o 155”. Véxase tamén Oriol Solé Altamira , “Dante Fachin acusa a Pablo Iglesias de actuar como Rajoy con el 155 y de someter a Podem a una “intervención inaceptable”, El diario, edición en liña, 31 de outubro de 2017.

[15] Pouco máis de 400 no que vai do mes de novembro, segundo o xornal español Público.

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, 16 de novembro de 2017]